Indica publicitat
Dimecres, 8 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Dilluns, 12 de de juliol del 2010 | 14:57
Crònica · Galiza

O PPdeG foxe da reforma do Estatuto

Pasaron tres anos desde que Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana e Alberte Núñez Feixóo -daquela presidente da Xunta, vicepresidente e xefe da oposición, respectivamente- non chegaban a un acordo en Monte Pío para reformar o Estatuto galego. Os puntos clave: a identidade de Galiza, o status da lingua galega e o financiamento autonómico. Os nacionalistas apelaban a un Estatuto de Nación, os socialistas adoptaban a fórmula "Nazón de Breogán" -extraída do Himno galego- e para os populares -que se afanaban en advertirlle á sociedade de que "España se rompe"- só valía "sentimento nacional". Desde entón, repetíronse as chamadas do PSdeG e, sobre todo, do BNG para renovar un texto que sacase Galiza da segunda división en autogoberno. Namentres, o PP amparábase na lea do Tribunal Constitucional sobre o Estatut de Catalunya para silenciar a necesidade de reconstruír a norma galega. Porén, a sentenza do TC volveu abrir a porta ao debate. Feixóo, agora como presidente da Xunta, respóndelles ás chamadas da oposición co escudo da crise económica, co fin de adiar a negociación. Ao PSdeG e ao BNG as xustificacións do PPdeG non lles valen. De aí, que vaian forzar o debate no Parlamento galego cando comece o novo curso político.

Unha vez máis, as diverxencias descansan na definición de Galiza. Os socialistas volveron recuperar "Nazón de Breogán", mentres que o BNG insiste en "nación". Lonxe das posturas da oposición, o PPdeG -un día despois da reacción de Fraga á sentenza sobre o Estatut co contundente "Viva España!"- advertiu de que "chamarlle" nación a Galiza "supón minusvalorala, xa que é un termo sen eficacia xurídica nin política". O propio Fraga, en relación co texto aprobado polo pobo catalán, declarou que en Galiza "non pensamos facer nada semellante". "Espero que o resto de comunidades non sigan o exemplo de Catalunya", apuntou o ex presidente da Xunta, que aludiu á verba "nación" como "palabreja".

Os nacionalistas, que participaron o pasado sábado na manifestación a prol do Estatut, tacharon de "órgano do bipartidismo estatal" o Tribunal Constitucional e subliñaron que a sentenza "é un reflexo da ofensiva neocentralista que padecemos". Neste sentido, para o BNG, o ditame do TC  representa "un grave atentado contra o pluralismo nacional, cultural e lingüístico do Estado".

No que atinxe a Galiza, a formación frontista xa ten preparado o articulado do texto con máis autogoberno. "Tomamos a iniciativa e marcamos as regras do xogo. Serán outros os que terán que explicar por que non queren que Galiza reciba a mesma denominación que Catalunya", advertiu o portavoz nacional, Guillerme Vázquez. O responsábel do BNG sinalou que a proposta do Estatuto para Galiza depende "da súa divulgación masiva para incrementar a conciencia nacional do país". Como primeiro paso, o BNG centra a celebración do Día da Patria Galega -que ten lugar o 25 de xullo- na demanda dun Estatuto de Nación que logre o máximo de competencias e ferramentas "para a defensa de Galiza". Neste contexto, os nacionalistas empregan o lema da campaña do 25-X -"Fai valer a túa forza!"- para animar a cidadanía a que "faga valer a súa forza individual e colectiva como pobo para reclamar nas rúas a creación dun Estatuto de Nación".

Pola outra banda, os socialistas consideran que tras o ditame do Constitucional sobre o texto catalán non existen trabas que impidan gañar o tempo perdido. De aí a súa aposta por comezar os debates en setembro. Para o PSdeG, a "clave" do Estatuto pasa pola obtención de maiores cotas de dereitos, por un novo modelo de financiamento e por maiores competencias, cuestións que "mellorarán a vida dos galegos".

Agora, coa sentenza do Estatut na rúa, non ten que haber problema ningún para que Galiza se dote dunha norma estatutaria avanzada, que lle permita competir en igualdade de condicións cos outros territorios do Estado. Nesta ocasión, a crise non serve para atrasar a reforma dun texto que debería ter sido aprobado xa no 2007. O novo Estatuto debe nacer como un instrumento vital para sacar Galiza da recesión.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat