
A lingua non foi a causa da vitoria do PPdeG nas eleccións galegas do pasado 1 de marzo. Así o asegurou esta mañá nunha conferencia o catedrático de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, Fermín Bouza, que advertiu de que no caso dos comicios de Galiza o papel dos medios de comunicación foi decisivo.
Durante as xornadas Ecolingua -organizadas polo IGEA-, Bouza debullou a socioloxía electoral da lingua durante os comicios galegos do 1 de marzo. O estudoso subliñou ao longo da súa intervención que o idioma non foi determinante nos resultados. "Chama a atención a importancia que lle deu o PP á lingua", sinalou.? Despois de afirmar que se deu un movemento de voto moi pouco significativo durante as eleccións que lle serviu ao PP para ocupar a Xunta, o analista asegurou que o bipartito perdeu "por mor da parte máis de esquerdas do seu electorado". "A infidelidade da esquerda tomou parte na abstención que provocou a perda de votos".
Campaña "sucia"
Para o sociólogo, as claves dos resultados das eleccións tiveron relación "co tema máis sucio da campaña: o Audi e o iate: dous disparates sen sentido que foron colocados no intre oportuno". Nesta liña, destacou que "aínda que normalmente os medios de comunicación non son decisivos nos resultados dunhas eleccións, no caso galego si o foron". Fermín Bouza identifica a compra do coche do ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e da conversa do vicepresidente Anxo Quintana ao bordo dun iate cun empresario coa abstención do voto máis da esquerda do PSdeG e do BNG. "Estes dous feitos lograron desmobilizar parte do electorado, que dubidou acerca de que facer até días antes das eleccións ou até o mesmo 1 de marzo", engadiu.
O relatorio do catedrático en Socioloxía tamén aludiu ás características do electorado dos grupos políticos. Neste senso, subliñou que o PPdeG abrangue un electorado "popular, básico, cun nivel de estudos baixo e co maior nivel de galegofalantes iniciais". Sobre UpyD -da que dixo que "tivo certo éxito" co tema lingüístico "sobre todo fóra de Galiza"- destacou que integra nas súas filas "parte das elites universitarias".
Fermín Bouza -que asegurou non coñecer o motivo que levou o PP a facer da lingua o eixo da súa acción política- sinalou que o idioma "non debe ser o un tema político, pero Feixóo converteuno en político unha vez que gañou as eleccións.?"Mentres siga sen haber consenso ao redor da lingua, o idioma seguirá a ser un asunto político", agregou.
O sociólogo subliñou na súa intervención que cada vez son máis os críticos e os analistas que tratan o asunto lingüístico dunha perspectiva máis "irracional". "A lingua failles perder a cabeza aos críticos. Agora é moi difícil falar do idioma en Madrid porque nos ven como unha banda de inquisidores".?Neste sentido, Fermín Bouza referiuse ao tratamento que os medios de comunicación de fóra de Galiza lle deron á manifestación en defensa da lingua do 18 de outubro convocada por Queremos Galego. "A reacción en Madrid da exitosa convocatoria do 18-O foi unánime. Chamáronnos fanáticos, anticonstitucionais... dixeron que nos manifestabamos para prohibir o castelán e mesmo lle chamaron masón ao ministro de Xustiza, Francisco Caamaño", advertiu.?O catedrático fixo fincapé en que "non só medios de comunicación como Intereconomía adoptaron esta postura, tamén a SER -que habitualmente escoito- aludiu a un suposto fanatismo lingüístico".