
O Parlamento galego adoptou un acordo unánime esta semana para reformar a Lei de Caixas para dotar o Goberno dun instrumento que guíe o vieiro a seguir. Ante a falta de liderado da Xunta do PP, o Bloque Nacionalista Galego tomou a iniciativa. O portavoz de Economía do BNG, Fernando Blanco, xustificou a presentación deste proxecto ante a falta de "dirección" amosado até o de agora polo presidente do Executivo galego, Alberte Núñez Feixóo, para marcar o escenario e regras de xogo,"aquí chegouse tarde, como no debate do financiamento, e por iso tivemos que tomar a iniciativa outros". Trátase dunha achega fundamental para reforzar o autogoberno de Galiza e para dotar de máis capacidade de intervención política o Goberno galego.
Deste xeito, o Parlamento galego failles fronte aos intereses dos que cuestionan a propia existencia das caixas e dos que tentan abrir o camiño para que a longo prazo os bancos se convertan nos seus propietarios. "Este é outro dos riscos aos que nos enfrontamos, non só que perdan a súa vinculación con Galiza senón que incluso desaparezan", de aí a necesidade de aproveitar a oportunidade para sacar adiante a "ferramenta" que sirva para que as caixas sigan sendo galegas, sinalou o deputado nacionalista. Nós non podemos obrigar á fusión pero si vetar calquera acordo que vaia en contra dos intereses do país", lembrou Blanco.
Malia que a reforma foi aprobada por unanimidade dos tres grupos políticos, PP, PSdeG e BNG manteñen diferenzas sobre a canto debe ascender a presenza de representantes da Administración galega nos consellos de administración das entidades financeiras. De feito, mentres o BNG apostou por que a presenza da Xunta alcance un 20 por cento e que os seus representantes teñan "voz e voto"; o PSdeG defendeu a "presenza" do Goberno galego aínda que rexeitou a "politización" das caixas; e os populares fixeron fincapé na necesidade de "seguir garantindo a independencia e profesionalidade" dos consellos, aínda que avogaron por "aumentar o protectorado" da Administración.
Nunha multitudinaria rolda de prensa despois da reunión que mantivo esta semana Feixóo cos máximos responsábeis de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez, e de Caixanova, Xulio Fernández Gaioso, o presidente da Xunta sinalou que un dos obxectivos da reforma é "reforzar os labores de protectorado" do Goberno sobre as caixas. Iso si, mantendo "a independencia na xestión operativa".
Neste encontro, Feixóo entregoulles ás caixas o seu informe, que, malia ser confidencial, parece que aposta por unha fusión. A Xunta deulles un ultimato a Méndez e a Gaioso para que estuden nunha semana conxuntamente a documentación e se pronuncien publicamente sobre se queren unha fusión entre elas ou apostan por alianzas foráneas.
Solvencia e galeguidade
Feixóo tamén se reuniu esta semana coa patronal galega, cos sindicatos e cos máximos responsábeis de PSdeG e BNG, Manuel Vázquez e Guillerme Vázquez, respectivamente, para tratar de forma conxunta o futuro das caixas de aforros. Tanto o PP, como o PSOE e o BNG acordaron que as dúas condicións para as operacións que propoñan as caixas son "solvencia e galeguidade".
Unicamente o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, explicitou a súa postura. "O BNG só apoiará o presidente da Xunta se este aposta por unha fusión ou alianza das caixas galegas. Calquera outra opción que baralle o Goberno galego obviamente non contaría co respaldo do BNG, pois implicaría na práctica a desaparición virtual das caixas galegas". O socialista Manuel Vázquez limitouse a afirmar que o PSdeG aposta por que as caixas "teñan os seus centros de decisión en Galiza" e que as decisións que se tomen "redunden nas súas fortalezas".
Feixóo concretou que, unha vez terminados os traballos técnicos, volverá convocar os dous responsábeis das formacións da oposición. A postura, espera, será coincidente "se non ao cento por cento, ao 99 por cento".