Indica publicitat
Dimecres, 8 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Dimecres, 31 de de març del 2010 | 13:55
Crònica · Galiza

As caixas galegas, a un paso da fusión

Tras numerosas negociacións e rumores sobre anuncios que nunca chegaron a ver a luz, os representantes de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez, e de Caixanova, Xulio Fernández Gaioso, aceptaron oficialmente por vez primeira a posibilidade dunha fusión entre ambas as entidades coa sinatura dun documento.

No texto asinado o pasado luns ambos os dirixentes amosan a súa disposición a comezar formalmente a integración pola vía de fusión e a sometela aos consellos de administración das caixas entre o 5 e o 6 de abril. Porén, a alianza non está pechada. De feito, nunha comparecencia pública, o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo en realidade só anunciou unha nova data límite, o 5 ou o 6 de abril, para decidir. A conclusión que puido presentar Feixóo é que "as caixas abren oficialmente as conversas". Na súa intervención, Feixóo insistiu en que "as propias caixas recoñecen como unha posíbel a fusión que os sindicatos, os empresarios e as forzas políticas vimos solicitando".

O mandatario asegurou que o Banco de España, que debe dar luz verde a operación, está disposto a estudala. O máis significativo do discurso de Feixóo foron as ausencias. En primeiro lugar, chama a atención que o presidente da Xunta non incidise nas condicións de "equitativa e paritaria" nas que viña reclamando o seu Goberno desde que se situou a prol da fusión. Tampouco aludiu en ningún momento ás supostas relacións que tería que estar a manter con Madrid para a retirada do recurso á Lei de Caixas. Na súa comparecencia, Feixóo eludiu ofreceu cifras oficiais sobre canto diñeiro sería necesario investir para levar a cabo a fusión. Diversos medios publicaron un suposto estudo da entidade viguesa segundo o cal se necesitarían 3.000 millóns de euros de axuda pública, o que excedería os límites impostos pola Comisión Europea na aplicación do FROB.

O BNG, formación que liderou en todo momento o impulso da fusión entre as dúas caixas para manter a galeguidade das mesmas, advertiulle a Feixóo de que unha vez formalizada a disposición de Caixa Galicia e Caixanova a iniciar os contactos oficiais é o presidente da Xunta quen debe ser o "garante" de que o proceso "se consume" e dea lugar a "unha gran caixa" comprometida cos intereses de Galiza. E é que a fusión de ambas as dúas entidades non chega. Cómpre desbloquear a Lei de Caixas de Galiza -aprobada no Parlamento galego a iniciativa do BNG cos votos dos nacionalistas e do PP-, recorrida polo Goberno español ante o Tribunal Constitucional.

A norma, que non contou co apoio do PSOE, blindaría a entidade resultante dunha hipotética fusión fronte a unha absorción foránea e preservaría a súa natureza social en caso dalgún intento de privatización. Neste senso, o BNG subliñou que a Lei de Caixas "asegura" os instrumentos para que a obra social responda "ás necesidades" do país, que non se "neguen" os créditos e que os investimentos se canalicen cara os sectores estratéxicos e non "a operacións especulativas no Levante". Ademais, a Lei de Caixas de Galiza xoga un papel fundamental para garantir a tutela financeira do Goberno galego e a súa capacidade de veto en novos procesos de reestruturación. Tamén preserva as competencias autonómicas fronte a normas invasoras, caso do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) ou a anunciada reforma da Lei de Órganos das Caixas de Aforros.

Por último, Carlos Aymerich e Francisco Jorquera, portavoces do BNG no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados respectivamente, consideraron que é preciso que "a nova caixa non sexa nin do norte nin do sur, ten que ser unha gran caixa para o conxunto de Galiza". Tamén incidiron en que é necesario "manter a tutela do proceso", co obxectivo de crear unha "gran caixa galega comprometida con Galiza que permita restituír o fluxo de crédito ás pemes".

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat