Indica publicitat
Dimecres, 8 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 11 de de desembre del 2009 | 14:22
Crònica · Galiza

Co PP no Goberno, os débiles importan menos

Xema -nome figurado- é vítima da violencia de xénero, vense de separar da parella e ten dous fillos, unha con parálise cerebral. Despois de buscar apoio en diferentes colexios de avogados, deu coas oficinas de Igualdade e Benestar (I+B), onde atopou o asesoramento xurídico que precisaba. Cada mes ponse en contacto co departamento das Pontes para pedirlle axuda á profesional de Igualdade. "Como non se pode desprazar para non deixar a nena soa, vou onde ela a Cabanas e axúdoa en todos os trámites, porque no mundo xudicial está perdida", explica a avogada que a atende. "Di que son a única que a escoita e agora, co desmantelamento das oficinas, Xema, como tantas outras vítimas da violencia de xénero, volverá quedar soa", engade. Casos como o desta muller eran atendidos polo que foi o instrumento estrela da política de servizos sociais da Vicepresidencia durante o Goberno bipartito, as oficinas I+B.

Ademais de abranguer os problemas de diversos colectivos -mulleres maltratadas, familias, terceira idade, xuventude, nenos, excluídos sociais...- estenderon aos concellos do rural as prestacións en axuda social das que xa dispuñan as grandes vilas. As 18 oficinas que empregan 104 profesionais traballan en plena coordinación con 294 concellos -a práctica totalidade, agás as vilas de maior tamaño e as cidades. Con todo, a Xunta de Galiza eliminou dos orzamentos do 2010 as partidas específicas destes departamentos, polo que a súa continuidade fica en dúbida.

Durante o último mes, os traballadores de I+B mobilizáronse contra o desmantelamento das oficinas. O xerente do Consorcio, Roberto Rodríguez, comunicoulles aos representantes sindicais o despedimento de 61 profesionais que atenden igualdade, familia e menores por "falta de orzamentos". "Non sabemos que vai pasar con nós", sinala Lucía Sánchez, unha das traballadoras das oficinas. A CIG uniuse á denuncia da "primeira medida contundente e cruel dunha Administración que desartella un servizo que non vai ser substituído".

"Enchufismo" do BNG
A comunicación de Rodríguez aos representantes dos profesionais produciuse días despois das declaracións da secretaria xeral de Benestar, Susana López Abella, que cualificou as oficinas de "axencias de colocación do BNG". Con todo, moitos dos afectados foron contratados co PP na Xunta e todos superaron un concurso público. Así o proban as sucesivas convocatorias no DOG e a propia páxina web do Consorcio. Os traballadores -que iniciaron accións legais por difamación- ven nas acusacións de "enchufismo" a xustificación da supresión destes postos laborais. O Goberno de Feixóo remite agora a continuidade das oficinas I+B á negociación coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O plan do PP avoga por que sexan os municipios os que xestionen estes servizos. De manter esta postura a Xunta, os concellos máis pequenos veríanse na obriga de desatender os programas pola falta de recursos.

Igualdade, a esquecida
Igualdade é, segundo os propios profesionais das oficinas, a grande esquecida do Goberno de Feixóo. "Desde marzo deixamos de existir para a Xunta" censura unha das traballadoras. Co desmantelamento das oficinas desaparecerán servizos como a educación familiar, os obradoiros de igualdade para nenos, pais e docentes, o asesoramento xurídico para parellas en trámites de separación ou para mulleres maltratadas, o apoio ás vítimas da violencia de xénero ou as charlas e actividades para a muller. Os profesionais das oficinas cuestionan a nova aposta da Xunta, que co gallo do Día contra a Violencia de Xénero estreou unha campaña publicitaria para previr o maltrato.

"Prefiren gastar en valados e en anuncios que en manter o traballo pola prevención da violencia desde as aulas", denuncia unha afectada. E é que un dos programas pioneiros da área de Igualdade centrouse na prevención dos malos tratos, na historia non contada das mulleres e na conciliación e corresponsabilidade desde o ensino. As contas públicas do 2010 tamén deixan sen recursos os programas de formación en igualdade para persoal sanitario, para deportistas ou para os axentes das forzas de seguridade e as guías comarcais sobre a actuación ante a violencia de xénero. O recorte tamén lles afecta ás actividades destinadas ás asociacións de mulleres -como os obradoiros de risa, de educación para a saúde ou de habilidades de comunicación e as conferencias. Nesta liña, unha das especialistas de I+B apunta á externalización deste servizo.

"Curiosamente, desde a chegada do PP á Xunta, unha empresa privada comezou a impartir para o Goberno obradoiros moi semellantes aos que viñamos ofrecendo nós", advirte. Carme Adán, deputada nacionalista e ex secretaria xeral de Igualdade, láiase da "perda de valor" que sofre o servizo desde que o PP accedeu á Xunta. "Trátase dun modelo de optimización de recursos moi avanzado que actúa onde máis se necesita, no rural", apunta. O BNG ten levado ao Parlamento a situación das oficinas e dos traballadores de I+B, pero as mocións non contaron co apoio nin do PP nin do PSdeG.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat