Indica publicitat
Dimecres, 8 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 29 de de gener del 2010 | 13:40
Crònica · Galiza

A Xunta reclama as competencias en meteoroloxía despois dos últimos erros de Madrid

Galiza é a única autonomía do Estado español -xunto con Ceuta e Melilla- que non conta con competencias en meteoroloxía, segundo o goberno galego. Malia dispoñer dun servizo de observación, predición e estudo do clima e do tempo que ofrece desde hai unha década MeteoGalicia, carece das infraestruturas e das normas para responder eficazmente ante os fenómenos meteorolóxicos. Nesta materia, e a pesar de contar cunha complexa orografía e con diversos microclimas, depende directamente de Madrid, en concreto, da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).

A reivindicación das competencias en meteoroloxía non é nova. Porén, volveu coller forza logo do temporal que azoutou Galiza o pasado 14 de xaneiro, día no que ficaron patentes os erros da Aemet e as contradicións coas previsións que fornece Compostela. A axencia estatal non lles advertiu aos servizos autonómicos de protección e prevención da chegada do forte ciclón que varreu o noroeste peninsular con ventos de máis de 150 quilómetros por hora. Este non foi o último desacerto da Aemet nos últimos meses. O 16 de decembro, a Consellaría de Educación obrigaba os centros de ensino non universitarios a suspender as clases tras a alarma emitida -tamén desde Madrid- dun forte temporal de neve, que tal e como prognosticaba MeteoGalicia non chegou a producirse.

"A idea é que a autonomía conte coas súas propias ferramentas", informan fontes do Executivo de Núñez Feixóo. Por iso a Xunta lle reclamará ao Estado as competencias plenas en materia de meteoroloxía na reunión da Comisión Bilateral de Competencias que manterá co Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero o vindeiro 2 de febreiro. Fontes do PP engaden que con ese traspaso "desaparecerían as duplicidades e os fallos que chegan directamente da Administración central". A Xunta é consciente de que a meteoroloxía "non é exacta e sempre se producen erros de previsión". Con todo, asume que de contar co seu propio organismo "reduciríanse as contradicións". O Executivo de Feixóo vese "preparado" para enfrontar só as competencias da materia. "Contamos co servizo, calidade e prestixio que nos fornece MeteoGalicia, que ten demostrado ser máis que eficiente", sinala o Goberno galego.

A reputación de MeteoGalicia non abonda, non embargantes, para convencer a Administración estatal, que discrepa da interpretación da Xunta sobre competencias e insiste en dirixir a meteoroloxía desde Madrid. Segundo o Ministerio de Medio Ambiente, "ningunha autonomía ten transferidas completamente as competencias" nesta materia, "xa que isto vulneraría a Constitución, que impide delegar nas comunidades o servizo".

O departamento do que é responsábel a galega Helena Espinosa recoñece que existen Estatutos de Autonomía que recollen mención expresa á meteoroloxía. Non é o caso de Galiza, cuxo Estatuto non inclúe ningunha referencia. "Catalunya ten avanzado neste sentido e asinou un convenio de colaboración polo que ambos os Executivos se comprometeron a intercambiar información e datos sobre o tempo e a non duplicar as súas infraestruturas", sinalan fontes do ministerio.

A pesar de que os cataláns posúen as ferramentas para dar os seus propios avisos e responder ante os fenómenos atmosféricos, Medio Ambiente asegura que Aemet "non pode delegar na Generalitat e continúa ofrecendo os seus servizos en Catalunya". "Que se desenvolvese este convenio, non significa que os cataláns gocen das transferencias en meteoroloxía", apunta o ministerio. Malia as explicacións do Goberno central, Feixóo reclamará en Madrid as competencias na materia para Galiza sen detrimento nin prexuízo para o Estado.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat