Indica publicitat
Dimecres, 8 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 17 de de juliol del 2009 | 13:27
Crònica · Galiza

Compostela e Lugo tinguíronse de branco coas protestas dos gandeiros

A "Semana en branco" reuniu nas rúas luguesas e nas compostelás centos de tractores e milleiros de gandeiros que pediron unha solución inmediata aos baixos prezos do leite en orixe. Desde o luns, os manifestantes ateigaron as principais arterias das dúas cidades, repartiron leite de balde

e se concentraron ás portas dos supermercados en protesta polas máis de 12.000 explotacións galegas que se atopan ao bordo do peche. A súa reclamación principal é lograr un prezo digno para o leite, xa que no último ano e medio non cobre o custo de produción. En doce meses, un milleiro de granxas deixaron de entregar o produto. Así, o Sindicato Labrego Galego (SLG), Unións Agrarias (UU AA) e Xóvenes Agricultores (XX AA) solicitan axudas directas e inmediatas para os gandeiros como as que recibiron tanto a automoción como a banca.

Durante a xornada do mércores tiveron lugar os principais incidentes da "Semana en branco". Os antidisturbios prohibíronlles aos manifestantes saír á estrada cos tractores, como tiñan previsto, e obrigáronos a mobilizarse a pé. Ao mediodía os axentes cargaron contra os gandeiros que se protestaban ás portas do supermercado Día. Houbo numerosos golpeados, entre eles un cámara de televisión, e lanzamento de obxectos contra os axentes. Nesa mesma xornada, outra parte dos manifestantes cortaron con barricadas e lume o periférico de Santiago sen que interviñesen de inicio as forzas de seguridade, que se centraron en protexer as portas dos supermercados privados.

Nun comunicado conxunto, os sindicatos agrarios e a Asociación de Cooperativas Agrarias (Agaca) aseguraron que a decisión de circular nos tractores até os sete puntos de distribución nos que pretendían manifestarse foi "notificada" á Subdelegación "sen que houbese ningunha manifestación en contra". Así, atribuíron a presenza policial e a prohibición de saír nos tractores ao "interese" por impedir que a crise se faga visíbel. "Responde a unha cada vez máis clara apreciación por parte do Goberno español de que a loita dos gandeiros de Galiza non vai parar até alcanzar un prezo xusto polo leite".


A Xunta aproba adiantos de axudas

Os adiantos de axudas aprobado pola Xunta non están a ser efectivos porque os bancos denegan a meirande parte dos créditos. De aí que a oposición critique o desleixo do Goberno de Alberte Núñez Feixóo. Aos propios produtores tampouco lles convence o adianto das subvencións.

Que fai a Xunta para solucionar os problemas do sector leiteiro?", pregúntase o BNG. A deputada nacionalista Tareixa Paz criticou que a Xunta "está totalmente ausente na crise do sector lácteo". "Non tomou ningunha medida e só utilizou esta situación para atacar o Goberno central", reprobou. Fronte á paralización do PPdeG no Executivo, Tareixa Paz situou o BNG, que presentou distintas iniciativas tanto no Parlamento galego, como no Congreso dos Deputados e no Senado. "O BNG ten ánimo de achegar medidas", aplaudiu, e considerou que estas "deberían ser tidas en conta" polo PP. De feito, insistiu en que o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, "xa podía ter aprobado unha vía de axudas directas", tal e como solicitou o seu grupo "nunha proposición que foi rexeitada polo PP hai dous meses", posto que "existen instrumentos legais, competencia e economía para facelo". Pola outra banda, a coalición na que se insiren os nacionalistas galegos en Bruxelas levará ao Parlamento Europeo o conflito do leite e defenderá que as cotas non se supriman en 2015, senón que sexan "redistribuídas". Ana Miranda, representante do BNG en Europa, xustificou esta actuación alegando que, no caso contrario, se xerará "aínda máis dumping que agora".

O PSdeG tamén lle esixiu á Xunta que "deixe de botar balóns fóra" e "poña enriba da mesa" unha contía de 50 millóns de euros para habilitar axudas directas de até 7.500 euros por explotación, como xa fixeron outras comunidades como Asturias, Cantabria e Castilla e León.

Ante as acusacións de desleixo, o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, anunciou que o Goberno autonómico lles concederá aos gandeiros "axudas directas" para facilitar o seu acceso a liquidez a cargo de partidas habilitadas no "Plan de Choque" aprobado polo Goberno galego, que por outra banda aínda fica sen definir. Segundo informou a Xunta, a contía destas subvencións está condicionada por un problema de insuficiencia orzamentaria que trata de liquidar estes días.


Principio de acordo

Representantes da industria láctea e do sector gandeiro a nivel estatal alcanzaron o mércores un principio de acordo que contempla o estabelecemento dun método aceptado por ambas as partes para fixar os prezos do leite en orixe, con vixencia até o final deste ano. O anuncio non supuxo o cese das mobilizacións, xa que os sindicatos se amosan escépticos pola "indefinición" da medida. "Non hai nada pechado", sinalou Carme Freire do SLG, quen valorou que coas protestas realizadas conseguiron "que a señora ministra -por Helena Espinosa- mova ficha".

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Notícies relacionades
Indica publicitat