Indica publicitat
Dimarts, 14 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Dijous, 31 de de maig del 2007 | 16:59
Crònica · Galiza

Os galegos refrendan o cambio na política


Galiza consolídase na cultura do pacto de esquerdas logo das pasadas eleccións municipais. O PSOE e o BNG gobernarán, ao menos, un 69,9% da poboación galega, mentres que o PP retrocede ao índice electoral de hai vinte anos, antes da chegada de Fraga. A dereita acadou máis de 150 alcaldías das que a penas seis corresponden a concellos que superan os 7.000 habitantes. O cambio que comezou coa nova Xunta chega agora ás administracións locais. O punto de inflexión na política galega apareceu coa incompetencia dun goberno popular fronte ao desastre do Prestige. A rutura dos resortes do PP e a submisión de Fraga a Madrid supuxeron o principio dun cambio que culminou cos resultados das pasadas eleccións. O PP perdeu o poder en todas as cidades e entregou a simbólica deputación dun dos seus feudos, Lugo.

 O bipartidismo chegou ao seu fin na Galiza. Atrás quedaron os anos nos que PP e PSOE se repartían o mapa municipal galego. Desta volta, o BNG, malia perder unha mínima porcentaxe de votos, eríxese como o elemento chave para gobernar os concellos máis poboados da Galiza. O motivo non é outro que o afianzamento dunha política de pactos antes ausente. O nacionalismo vai logrando máis sectores cidadáns porque hoxendía os galegos amósanse máis preocupados polo que acontece na Galiza que antano. A proba é que durante a xornada electoral, a TVG viu cómo os índices de audiencia do seu especial informativo acadaban as cotas máis altas da súa historia. O ruído mediático de Madrid perdía interese a prol de Galiza.

Implantación territorial do PSOE e o BNG

 O beneficiado desta nova vaga política semella ser o PSOE, que dependerá dos nacionalistas en todas as cidades e en case un cento de concellos. O ronsel do éxito de Rodríguez Zapatero en Madrid deixouse sentir na terra galega, mais os socialistas non poderán prescindir do seu socio no Goberno galego, polo que as coalicións que pactarán ambos partidos suporán unha adaptación da liña política do PSOE aos parámetros galeguistas.

Tomando como referencia as eleccións de 2005, o nacionalismo pódese sentir satisfeito, xa que pasou de 307.249 votos a 315.499 votos. En comparación coas anteriores municipais, as pasadas eleccións supuxeron a perda de apenas 10.000 votos. Os nacionalistas contan hoxendía cun poder real, impensábel hai anos. O BNG non só forma parte do goberno autónomo, tamén exerce a súa influencia en dúas deputacións e en máis de 70 concellos, incluídas as grandes urbes galegas e as principais cabeceiras das comarcas. Nalgúns municipios dos cintos das cidades, os nacionalistas mesmo acadaron a maioría absoluta. O resultado desta volta resulta paradoxal, xa que o BNG acadou sesenta e seis concelleiros máis, vai participar en máis gobernos e pasou de 17 a 30 alcaldías, moitas das cales resultan gorentosas. A hexemonía no Morrazo, só ou acompañado do PSOE, e as alcaldías de símbolos como Gondomar, Maceda, Sada ou Ribadeo son algunhas das mostras máis significativas da conquista colleitada polo BNG.

Malia que o resultado se inclinou ao seu favor, os nacionalistas non deixan de preocuparse por algúns retrocesos nas grandes cidades. A desfeita de Ferrol debeuse á forte división interna froito da política impulsada pola dirección a respecto de Reganosa. En Pontevedra, o descenso foi orixinado polo pago de abandeirar o traslado de Celulosas. A dinámica imposta polo experimento de Ventura Pérez Mariño parece ser a causa do descenso do BNG en Vigo.

Ao abeiro dos resultados nas municipais, os nacionalistas manteñen a esperanza de acadar catro deputados no Congreso nas vindeiras eleccións estatais, que, xunto coas autonómicas, decidirán se o cambio na política galega se mantén solidificado durante un tempo considerábel.

Diminúe o poder do PP

A perda de poder do PP é evidente, sobre todo nos seus feudos rurais. Dende a executiva, os populares tentan disimular uns resultados que lles perxudican. Aos líderes do PPdeG resúltalles imposíbel asumir os resultados logo dos dezaseis anos de maioría absoluta e de manter o poder case en exclusiva sobre as deputacións durante tres décadas. Haberá que agardar até o dezaseis de xuño, xornada na que se constituirán as corporacións, para que visualicen o panorama real do novo mapa municipal galego.

Malia seren os gañadores en número de votos, 656.195, os populares non poderán seguir outra liña máis que a da oposición nas principais cidades galegas. As maiorías e as coalicións entre o PSOE e o BNG deixan sen opcións o PP nas urbes máis significativas de Galiza.

 O PP dirixiu a súa campaña a conservar os seus devotos. Os populares manteñen certa hexemonía no interior da provincia de Pontevedra e na comarca do Salnés. Sanxenxo, Meaño, Meis e Cambados son algúns dos concellos nos que o PP poderá gobernar. O candidato que o PP presentou como revulsivo na cidade de Pontevedra acadou 3.000 votos que non serviron para desterrar ao alcalde nacionalista da cidade, nin para evitar que o PSOE e o BNG lideren a alcaldía de Vigo. Ao non acadar a maioría absoluta, Telmo Martín, en Pontevedra, e Corina Porro, en Vigo veranse abocados a desenvolver o papel da oposición nas casas consistoriais máis desexadas polo Partido Popular, que mantén a deputación pontevedresa logo dunha intensa pugna que non se resolveu até que se superou o 96% do escrutinio.

 En Ourense comézase a percibir o fin dunha época marcada pola política de Baltar, que cedeu a capital da provincia á coalición entre o socialismo e o nacionalismo. Xinzo e Verín foron as maiores alcaldías conservadas polo PP, que tamén logrou manter a deputación ourensá grazas aos pequenos concellos nos que exercerá o poder.

 

 

 

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat