Indica publicitat
Divendres, 10 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Dilluns, 31 de de març del 2008 | 17:29
Crònica · Galiza

Os votos do alén


As eleccións do 9-M volveron contar con até 18 sufraxios de persoas falecidas, segundo contan membros do BNG que presenciaron o reconto dos votos procedentes do Censo Electoral de Residentes. Só na provincia de Lugo se recibiron media ducia de votos que, como o de Darío Fernández, chegaron do alén. Malia finar o 15 de agosto do 1990, Darío votou un ano máis dende Arxentina. Alguén votou por el e deixou constancia da súa morte na papeleta, pero Darío non foi o único morto que votou. Os falecidos trocaron a papeleta do voto polo seu certificado de defunción para deixar constancia de que os mortos tamén poden votar.
O deputado nacionalista Bieito Lobeira, que apunta ironicamente que no alén "hai aínda un importante grao de participación", denunciou que as catro circunscricións recibiron votos de persoas finadas, "algo que se vén repetindo continuamente sen que se faga nada". Lobeira revela casos nos que os supostos falecidos deixaron escritas mensaxes adxuntas á papeleta. Un dos finados que exercen o seu dereito ao voto emitiu xunto ao sobre unha petición na que reclamaba un posto de traballo para o seu fillo, "mi hijo tiene el título de Higienista Dental, a ver si le pueden conseguir un puesto de trabajo". Ademais deste escrito, os que participaron no reconto dos votos do CERA na provincia de Pontevedra mesmo puideron saber os bens que herdaran os descendentes dun finado, xa que o sobre da papeleta incluía o testamento. As mensaxes e saúdos que gardaron os sobres non son as únicas mostras para comprobar que dende o outro mundo os finados tamén poden votar. Lobeira, que compara a situación coa temática de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete de Castelao, sinala que "dunha cidade que ten tanta relación co máis alá, como é o Vaticano, chegaron tres votos cando só hai dous galegos residentes ausentes". Dada a situación, o deputado do BNG afirma que sería bo que o PP e o PSOE levasen a cabo actos electorais en cemiterios, porque segundo apunta supoñen "un bo nicho electoral" para sacar votos.

Mariñeiros que non poden votar

No Parlamento, Lobeira cifrou entre 10.000 e 15.000 os mariñeiros galegos que non puideron exercer o seu dereito a voto por atopárense embarcados, "non se fai nada porque non interesa, porque non é un voto teledirixido nin manipulábel como o doutros colectivos". Pola súa banda, o secretario xeral de Presidencia, Santiago Roura, replicoulle, "non dubide de que hai vontade" e asegurou que o Goberno galego fará todo o posíbel para lograr que se modifique a normativa estatal para recoller o dereito dos mariñeiros para votar. Non obstante, Roura lembrou que existen "dificultades de carácter técnico" á hora de que fagan efectivo o voto". Lobeira dixo non entender cales son esas dificultades e concluíu que "é máis difícil tecnicamente facer que un morto vote que o faga un mariñeiro".

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat