O BNG celebra este fin de semana a súa XII Asemblea Nacional. Unha cita de especial importancia xa que nunca até agora o nacionalismo galego (en todas as súas épocas) acadara tanto poder institucional, participando por vez primeira no goberno autónomo. É a adecuación organizativa a nova situación política e ao seu medre como organización, os que centran os debates desta asemblea xeral. Tanto que se presume que será a última vez á que podan asistir todos os militantes. As asembleas de zona xa aprobaron por ampla maioría (70%) que de agora en diante a Asemblea Nacional se celebre por delegados, dado o medre da militancia.
É esta a discusión máis controvertida sobre todo mediaticamente. A maioría dos xornais xa levan tempo sacando titulares nos que afirman que “o BNG deixará de ser unha fronte e pasará a ser un partido normal”. Anxo Quintana, actual voceiro nacional, e persoa que encabeza unha das catro candidaturas ao Consello Nacional, e que sairá apoiada maioritariamente con total seguridade, nega este extremo e afirma que el sempre defenderá ao BNG como “unha fronte plural”, por que é o máis acaído á realidade galega e por que os partidos tradicionais están en crises en toda Europa.
Aínda así, este cambio, xa recollido nos estatutos fundacionais de 1982, serviulle ás outras tres candidaturas que competirán coa de Quintana para realizar oposición e quentar o ambiente pre asembleario. Dáse a circunstancia choqueira de que a candidatura Alternativa, liderada por Charo Fernández, apoiada pola Unidade Galega de Camilo Nogueira (ex parlamentario europeo) e Esquerda Nacionalista, liderada por Rodríguez Feixó (abogado emigrante moito tempo en Catalunya) é a que máis critica que as Asembleas Nacionais se celebren por delegados.
Dicimos choqueira porque, precisamente estas dúas formacións que integran o BNG (a primeira autodisolta formalmente hai un ano) foron sempre as maiores defensoras de que se abandonase o frentismo e o BNG se constituíse en partido. Outro que critica este cambio é o antigo portavoz nacional e líder do BNG durante moitos anos, Xosé Manuel Beiras. Ao fronte da candidatura denominada Irmandiños, afirma que non pretende un “asalto ao poder”, senón só conservar o espírito fundacional do BNG, que estaría deturpado por que cada vez funciona máis a xeito de partido. Foi precisamente sendo Beiras voceiro nacional cando se deron dous cambios substanciais aínda máis importantes: a creación dunha comisión executiva e do único órgano unipersoal, o de Presidente do Consello Nacional que ocupou Beiras até a súa dimisión cando non lle deixaron ocupar a cabeceira da candidatura nas pasadas eleccións autonómicas.
Daquelas Beiras recorreu ás bases e só contou co 10% dos apoios. Agora todo semella a que nin sequera os vai conseguir. Vai ser un triste final político para unha persoa que foi santo e sinal do nacionalismo político durante moitos anos e que se negou a seguir os consellos que lle deu Jordi Pujol hai agora un ano en Barcelona: “cando se deixa paso, hai que deixalo con todas a consecuencias”. Pero o ego de Beiras é máis grande. Tanto que se deixa utilizar por seus compañeiros que foron perdendo poder no BNG ao longo do tempo e que tamén se resisten a unha nova situación, amparándose en Beiras e quentándolle a orella.
A outra candidatura que concorre ao Consello Nacional é a do Movemento pola Base. Está liderada polo sindicalista da CIG, Fermín Paz, e integrada maioritariamente por xoves que proceden da UPG. Os pesos pesados sindicalistas non se atreven a dar a cara. Os mozos critican a perda de protagonismo das bases e tamén que o BNG se está dereitizando. Internamente considérase unha “candidatura esquerdista”. A candidatura liderada por Anxo Quintana está apoiada pola UPG, PNG, Inzar (antes MCG) e independentes. Nela participan a totalidade de conselleiros e moitos directores xerais, algúns que até agora estaban integrados noutras correntes. Quintana está nucleando ao carón súa a unha parte importante dos non adscritos a ningunha corrente e facéndose cada vez con máis poder orgánico.
Así as cousas, na elección dos 50 membros do Consello Nacional de xeito proporcional aos votos, a candidatura de Quintana vai saír vencedora. A incógnita é se as outras tres son capaces de conseguir o 30% dos votos. De ser así, poderían presentar unha lista propia á Executiva Nacional e, polo tanto, ao posto de Portavoz Nacional. Todo semella indicar que a posibilidade é remota. Sobre todo por que o Movemento pola Base afirma que non vai pactar con ningunha das outras tres candidaturas, ao considerar á de Alternativa e Irmandiños (Nogueira e Beiras, respectivamente) como “autonomistas e dereitistas”.
Por que, finalmente, detrás do debate organizativo, como case sempre nas organización políticas, agochase distintas posturas ideolóxicas, aínda que, como neste caso, algunhas agochan o seu verdadeiro ideario en formulación como a independencia, aprobada por Esquerda Nacionalista no seu último congreso a imaxe de ERC, por exemplo.