O Goberno central pretende declarar inconstitucional a Lei do Dereito Civil de Galicia. O feito ten unha transcendencia política importante. Por ser aprobada por unanimidade polo Parlamento, pero, sobre todo, por que tenta coutar o desenvolvemento do Dereito Civil Galego deixándoo só no relacionado co rural. A discusión céntrase se Galiza pode ter un Dereito Civil vivo ou morto, se se impón a visión galega da realidade ou a de Madrid.
Aínda que o goberno central pretenda unicamente declarar inconstitucional o regulamento da adopción e da autotutela, recollidas na Lei de Dereito Civil de Galiza (artigos 27 ao 47), o que está en discusión é a propia capacidade do Dereito Civil Galego para evolucionar e adaptarse a realidade actual do País.
Afirman desde o Ministerio de Xustiza que Galiza non pode regular a adopción e a autotutela por que “o mantemento do dereito especial de Galiza non pode producir unha ampliación abstracta do dereito normativo”. Consideran que estas materias non estaban “no Dereito Civil Galego tradicional”, ao que cualifican “eminentemente rural”. Xustifica así o Goberno central que Catalunya, Andalucia, Cantábria, Madrid, La Rioja ou Aragón determinan tamén requisitos para obter a adopción, sendo declarada nesta última comunidade citada constitucional.
Desde Vicepresidencia contéstanlle que xa a Lei de Protección da Infancia recolle idénticos requisitos, sen ser recorrida polo Goberno central. Tamén argumentan que “requisitos, formalidade e procedementos son administrativos polo que non debían de ser obxecto de impugnación”. Pero a principal discusión está no carácter do Dereito Civil Galego.
Desde Vicepresidencia argumentan que segundo o Estatuto, Galiza ten competencias exclusivas na “conservación, modificación e desenvolvemento das Institucións do Dereito Civil Galego”. Esta capacidade é a que pretende negarlle o Estado, maiormente no apartado de “modificación”. Pero a Xunta aínda vai máis alá e argumenta que non é certo como afirma o Ministerio de Xustiza que Catalunya ou Aragón teñan un dereito civil foral que si recolle aspectos familiares distintos e Galiza non, polo que as súas leis serían constitucionais aínda sendo moito máis expansivas.
Vicepresidencia nega esta consideración e no seu escrito de contestación ao Ministerio defende que “o Dereito Civil galego ten institucións de dereito familiar propias, como a ausencia non declarada, a compañía familiar, o réxime matrimonial e sucesorio con especialidades na concepción de familias que lexitiman a Lei recorrida neste apartado”. Tamén argumentan desde Vicepresidencia que non só “existe o dereito de familia” na Galiza, senón que “o Dereito Civil Galego estea vinculado ao rural (como afirma o Ministerio) non quere dicir que non existan neste dereito institucións propias con antecedentes necesarios para regular a adopción como desenvolvemento do Dereito Civil propio”.
Mesmo se argumenta que ao aceptar o Ministerio cambios que propuxo a Xunta neste proceso para chegar a un acordo entre ambos gobernos, recoñece que Galiza si ten capacidade para regular a adopción e a autotutula. Regulación que, segundo Vicepresidencia, “non supera xurídicamente a normal estatal” nin é “rupturista cons bens xurídicos e liñas do Código Civil”, senón que só é “máis depurada e moderna na protección dos bens xurídicos”.
Pero ao Goberno central pouco semella importarlle, mesmo que noutras normativas galegas se regulen idénticos temas que no Dereito Civil de Galiza, por que a pretensión do Goberno central non é outra que o noso Dereito Civil quede sen capacidade de evolución consonte á nosa sociedade, morto. Así o fan constar na súa argumentación. Agora a última decisión tena Rodríguez Zapatero, que non ten por que presentar o recurso contra unha lei aprobada por unanimidade na Galiza.