Indica publicitat
Dimarts, 14 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 27 de de juliol del 2007 | 16:26
Crònica · Galiza

25 de xullo, Día da Patria


Un ano máis, Santiago converteuse no centro neurálxico da celebración do Día da Patria. Mentres os militantes e simpatizantes do BNG percorreron as rúas compostelás para logo escoitar o discurso na praza da Quintana, o PSOE realizou a súa tradicional ofrenda ao monumento de Castelao en Rianxo e o PP, como vén sendo habitual, non organizou ningún acto. Por vez primeira, convocada por Causa Galiza, a esquerda soberanista congregou dúas mil persoas para proclamar a independencia.
As vellas rúas de Compostela foron testemuña dos milleiros de nacionalistas que participaron na manifestación do BNG. Mentres o voceiro nacionalista, Anxo Quintana, pronunciaba o seu discurso, continuaba a chegar xente a unha praza que xa ficaba ateigada. Nesta ocasión, o ex líder nacionalista, Xosé Manuel Beiras, decidiu acompañar a Quintana no escenario, ao contrario que viña facendo anos atrás, cando se mesturaba co público. Beiras tamén portou a pancarta que encabezaba a concentración. As eleccións xerais do próximo ano foi un dos puntos aos que Quintana aludiu, “o nacionalismo galego debe pesar e decidir na política estatal e eso conséguese con traballo, compromiso e votos. Como reto para o novo curso político, Quintana fixou aumentar a representación do BNG nas Cortes, onde agora conta con dous deputados, Olaia Fernández e Francisco Rodríguez. O obxectivo pasa por mellorar os resultados dos anteriores comicios xerais, nos que o BNG perdeu un escaño. Perante uns vinte e cinco mil asistentes, segundo fontes nacionalistas, Quintana apuntou que o PSOE e o PP limítanse a cumprir ordes de Madrid e que só o BNG poderá conseguir o mellor para Galiza.

Quintana reclamou un esforzo para que o partido sexa quen de garantir “un Estado plurinacional aberto, tolerante, xusto e conformado por nacións libres e iguais que libremente deciden cooperar entre si”. O vicepresidente da Xunta asegurou estar traballando para acadar unha maior cota de autogoberno.

No que atinxe aos orzamentos xerais do Estado, Quintana afirmou que votará as Contas de 2008 se hai “un salto cualitativo”.

Por segundo ano consecutivo, Anxo Quintana prometeu un Estatuto de nación e asegurou que aínda non se acadou por mor da actitude de populares e socialistas. “O PP quería un Estatuto rexional e de segunda” e, segundo líder nacionalista, o PSOE estaba disposto a asumilo.

Militantes e simpatizantes do BNG continuaron a celebración do día grande de Galiza nunha multitudinaria comida.

Ofrenda ao Apóstolo

Entre autoridades civís, militares e eclesiásticas e os portavoces do PSOE e do PP, Dolores Villarino, presidenta do Parlamento, leu o discurso en nome do Rei. En lingua castelá reclamou acabar coa violencia doméstica, co terrorismo e coas guerras esquecidas. En galego, Villarino pediulle ao Apóstolo que cada vez sexan máis os mozos que empreguen a lingua galega. Entre as súas verbas, a presidenta do Parlamento solicitou que os inmigrantes vivan en condicións de igualdade, apelou á protección dos máis desamparados e referiuse aos problemas laborais e de vivenda dos mozos.

Pola súa banda, o arcebispo de Santiago, Xulián Barro, reclamou que se respecte o cristianismo no eido educativo.

Acto do PSOE en Rianxo

Durante o discurso que o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Emilio Pérez Touriño, pronunciou durante a ofrenda floral ao monumento de Castelao en Rianxo referiuse ao Estatuto. Touriño asegurou que a reforma “farase máis pronto que tarde”. O presidente da Xunta ensalzou o galeguismo e apuntou que “somos un país que lle aportamos a España unha cultura diferenciada”. Tamén aludiu ao galego como “lingua fermosa” e “elemento que nos une”.

O acto en Rianxo tamén lle serviu a Touriño para facer balance dos dous últimos anos de goberno na Xunta.

O PP e os votos da emigración

Un ano máis, os populares evitaron celebrar con actos oficiais o Día da Patria. Alberto Núñez Feixóo, líder do PPdeG, decidiu pasar o 25 de xullo cos votantes potenciais da diápora en México. Feixóo solicitou que o Goberno central emprenda “unha campaña de busca de españois susceptíbeis de inscribirse no CERA”.

Manifestación da esquerda soberanista

Máis de dúas mil persoas congregáronse baixo a chamada da organización Causa Galiza para celebrar o Día da Patria. Encabezada cunha pancarta na que se lía “Autodeterminación”, a manifestación concentrou militantes de Adiante, Assembleia da Mocidade Independentista, Briga, Corrente Vermella, Frente Popular Galega, Nós – Unidade Popular e Partido Comunista do Pobo Galego. Entre o balbordo descubríanse outras dúas pancartas que aludían a persoas presas.

Entre as consignas que berraban os manifestantes oíuse “Bloque, PSOE, PP, a mesma merda é”, “autonomía non, autodeterminación” ou “fóra as forzas de ocupación”. Cómpre lembrar que Causa Galiza nace cun obxectivo moi concreto: pedir o voto negativo ante un eventual referendo de ratificación dun novo estatuto de autonomía apoiado polos tres partidos parlamentarios. Nese contexto, os sufraxios en contra serían votos soberanistas e permitirían visualizar a forza da esquerda independentista.

Ao remate do acto, na praza do Toural de Compostela, leron un comunicado que reivindicaba o dereito á autodeterminación. Tamén denunciaron as dúas intervencións policiais que se produciron na noite anterior contra a rondalha e a foliada da AMI.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat