A un mes de que teñan lugar os comicios do 27 de maio, o punto de atención céntrase nas posíbeis fraudes ás que se somete o voto emigrante. Os debates dos últimos días seguen as repetidas anomalías ao longo de todo o proceso electoral e están a eclipsar as candidaturas, que nesta ocasión supoñen unha renovación superior ao 50%.
O cambio é o trazo principal que caracteriza as listaxes electorais dos 315 concellos galegos. En máis da metade dos casos, as candidaturas presentan renovacións significativas, sobre todo no que atinxe ao sexo dos cabezas de cartel. O número de mulleres que presiden as candidaturas é moi superior ás cifras das anteriores municipais. Nesta ocasión, son 144 as mulleres que se presentan como número un. O principal motivo destas mudanzas débese ao cumprimento da Lei de Igualdade, que obriga á paridade nos concellos que superan os 5.000 habitantes. O BNG eríxese como o partido que conta cun maior número de mulleres que aspiran á alcaldía, seguido polo PSdeG-PSOE e polo PP. A influencia da lexislación aprézase sobre todo neste último partido, que duplicou a presenza feminina con respecto ao 2003. Non obstante, non chegan a 30 as mulleres que se presentan a alcaldesas polo PP.
Aínda que os cabezas de cartel das principais cidades galegas seguen a ser os mesmos, advírtense mudanzas substanciais nun bo número de concellos. O BNG, seguido do PSdeG-PSOE, foi o partido que presentou máis cambios nos candidatos que optan ás alcaldías. Pola súa banda, o PP aposta por unha liña continuista que vén diferir da importante renovación da clase dirixente no último congreso. O poder local, estrutura sobre a que se sentan os alicerces do PP, apenas presenta mudanzas no conxunto das listaxes. O Partido Popular só renova o cabeza de lista en 104 dos 315 concellos aos que aspira.
Tres candidaturas como mínimo
Até o de agora, ao BNG e ao PSdeG-PSOE resultáballes imposíbel presentarse en todos os concellos debido ás trabas que se lles impuñan dende o PP, omnipresente nas institucións comarcais e locais. O incio do goberno formado polo PSdeG-PSOE e máis o BNG supuxo a desaparición das penalizacións sociais que sufrían os nacionalistas que aspiraban a comprometerse publicamente coa súa opción política.
Por vez primeira na historia, os galegos terán a posibilidade de elixir, cando menos, entre tres formacións políticas en todos os municipios. Os nacionalistas e os socialistas lograron completar as súas respectivas candidaturas ás 315 alcaldías.
Como vén sendo habitual nos últimos anos, o Partido Popular volverá presentarse na totalidade dos concellos galegos, aínda que nesta ocasión non lle resultou doado. Até última hora, os populares non deron completado as candidaturas nalgún dos pobos. É o caso de Cerceda, lugar no que o partido de dereitas inscribiu na lista un taxista sen experiencia no eido da política, algo insólito no PP.
O BNG conseguiu consumar as candidaturas nos sete municipios nos que non lograra completar a lista electoral. Desta vez, os habitantes da Veiga, Cortegada, Cuadrelo, Paradela, Pobra de Brollón, Ribas de Sil e Triacastela terán a posibilidade de votar o grupo nacionalista. Pola súa banda, o PSdeG-PSOE puido presentar os seus candidatos na Pontenova, Antas de Ulla, Carballeda de Avia e Carballeda de Valdeorras, concellos aos que non concorrera nas eleccións do 2003. Formacións como Terra Galega, con 70 candidaturas, o Partido Galeguista, con 50, e Esquerda Unida, con 21, quedan moi atrás da presenza que acadaron o BNG, PSdeG-PSOE e PP en toda Galiza.
As que experimentaron unha nova eclosión de cara ás municipais foron as listaxes independentes, formadas, nunha maior parte, por personaxes descontentos co Partido Popular, aínda que nalgúns casos estes pasaron a militar en Terra Galega. Pola súa banda, foi o Partido Galeguista o que integrou boa parte dos descontentos co PSOE, que optou por inscribir candidaturas independentes co fin de incrementar as posibilidades nas deputacións.