Pérez Touriño, Anxo Quintana e Núñez Feixó, os tres lideres políticos que se reuniron no Monte Pío a pasada semana, logo de constatar a imposibilidade dun acordo sobre o novo Estatuto, decidiron pactar as súas comparecencias públicas para que coas explicacións non crear máis frustración na cidadanía. Ao día seguinte, cada un poñía o acento nos puntos máis relevantes pero aínda así tentaban deixar unha porta aberta cara o futuro. Segundo pasaban os días tiveron que recoñecer que a porta estaba trancada e que eles mesmos non tiñan a chave. A chave está en Madrid e tena o PP.
Así que Quintana apurouse a informar que non se reabrirá a negociación para o Estatuto “até que non mude a correlación de forzas na Galiza”. Pola contra, Feixó aínda teima en afirmar que a reforma está “no descanso do partido”, expresando a súa intención de retomar as negociacións antes ou despois.
Tamén Pérez Touriño tivo que concluír que “é preciso pasar páxina” até que mude o escenario político e contestoulle a Feixó que presente por escrito unha proposta “diferente” se pretende volver a unha reunión.
E agora que? “Agora a gobernar”, dixo Anxo Quintana. E a agardar a que se pronuncie o Tribunal Constitucional sobre o Estatuto catalán, o que podería levar a maioría do PP galego a obrigar a Núñez Feixó a asumir outra postura. Por que parte do PP está molesta coa postura de Núñez Feixó. Os máis por que pensan que pode prexudicalos para as eleccións municipais; moitos por que se lembran aínda daquel PP “galeguista e na fronteira da autodeterminación” que defendeu Cuíña ante Aznar no monte Faro en 1993. Nun PP que negan que toda a culpa fose de Madrid pois, segundo afirman algún ex dirixente, “tanto Feixó como Rueda están en perfecta consonancia co que defende Acebes, vailles a marcha madrileña”. Algúns pretenden celebrar un congreso extraordinario.
A outra posibilidade para retomar o Estatuto é cando se comece a negociar o novo Estatuto vasco. E mentres tanto? Agora a Xunta vai traballar no traspaso por parte do Estado de 70 competencias, entre elas algunhas tan importantes como a da Policía Galega, os museos, portos, aeroportos, a política industrial... O artigo 50.2 da Constitución contempla a posibilidade de transferir competencias que son exclusivas do Estado. O vicepresidente Quintana xa pediu unha entrevista o ministro de administración Públicas, Jordi Sevilla. Esa será agora a batalla dos nacionalistas e a de explicarlle á cidadanía que se se chegou até aquí foi polo seu traballo político, pois tanto PP como PSOE non querían ouvir falar dun novo Estatuto hai dous anos.