O marco xeral adoptado polo BNG e polo PSOE para rexer en coalición a Administración local non chegou a completarse no total dos concellos. Dende a dirección do PSOE apuntan que o pacto vai acadarse a curto prazo ao menos no 90% dos municipios nos que existe a posibilidade de gobernar xunto aos nacionalistas. Mentres as negociacións puntuais continúan a nivel local, ambas formacións acadaron acordos nas deputacións de Lugo e da Coruña, aínda que seguen pendentes os cambios estruturais dos entes provinciais.
Logo dun mes de constituírse as corporacións locais, o pacto entre nacionalistas e socialistas segue sen acadarse en trinta e tres concellos, nos que existen vinte e cinco alcaldías de socialistas e oito de nacionalistas. O motivo non é outro que os problemas puntuais en determinadas localidades. Nas direccións de ambas as dúas formacións son optimistas e afirman que existirá goberno de coalición na maior parte destes concellos. A actitude do BNG e do PSOE é unha forma de presionar os socios para que asinen os pactos.
Até de agora, pecháronse os acordos en corenta e tres dos setenta e seis municipios nos que nacionalistas e socialistas poderían ser socios de goberno. A falta de sintonía entre candidatos é a xustificación á que recorren ambos grupos políticos. O problema de reparto e autonomía das áreas de xestión é unha das principais trabas que se están a dar nos trinta e tres concellos. Trátase dunha poxa política de competencias e capacidade de xestión determinada porque BNG e PSOE son rivais electorais directos, á vez que socios.
En Pontevedra, os socios de goberno quixeron pactar o acordo antes de marchar de vacacións. En Silleda ou en Chantada, caso no que o principal problema radicaba en se alcalde e tenente de alcalde tiñan unha dedicación exclusiva ou non, as negociacións xa case están ultimadas. Pola súa banda, en Muros, Corcubión, Porto do Son e Pontecesures prevese que os acordos non van ser posíbeis.
Cerne dos pactos nas deputacións
A erradicación do presidencialismo é o principal obxectivo que se marcaron o BNG e o PSOE para construír unhas deputacións novas, xa que dende o século XIX os entes provinciais están ligados ao seu presidente. Malia que os nacionalistas avogan pola súa desaparición, os socialistas, que ostentan as dúas presidencias, non están de acordo coa súa completa erradicación. No que si coinciden ambas formacións é na necesidade de procurar a coordinación e a colaboración coa Xunta.
No pacto da Coruña, os nacionalistas lograron que todas as atribucións da presidencia que sexan delegábeis pasen a mans da Xunta. Para o BNG, o cambio comporta unha maior responsabilidade e unha participación máis equilibrada das dúas forzas na toma de decisións, que pasan de ser exercidas por un órgano unipersoal a un colexiado. O BNG pretendeu ir máis alá na descentralización coa demanda da cesión de competencias ás áreas de goberno para o seu exercicio en exclusiva.
Contra todas as previsións, dado o desencontro entre ambas formacións na cidade, o pacto de Lugo acadouse sen dificultades. Aínda que tanto o BNG como o PSOE manifestaron a súa disposición para acabar co presidencialismo, non se avanzou tanto na descentralización como na Coruña.
Na Deputación de Lugo, o cambio vai ser máis significativo que no caso coruñés. Na Coruña existiu alternancia nas presidencias, pero en Lugo, o poder caciquil e unipersoal asentáronse durante anos.
Repetición das eleccións en Arnoia
Até setembro, a goberno do municipio ourensán de Arnoia permanecerá en funcións logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza considerase as reclamacións do BNG. Unha das dúas mesas do concello, na que se recibe o voto emigrante, teranse que repetir as eleccións logo do verán. Non se prevén grandes cambios nos resultados, pero unha vez máis, como vén sendo habitual, o voto emigrante volveu ser tema de escándalo político.
Aínda que o resultado non inflúe na determinación dos deputados provinciais, permítelle ao PP desprazar a Roxelio Martínez, alcalde arnoiés e vicepresidente primeiro da institución provincial, a favor do candidato popular Poli Novoa.
Mentres o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza non se pronunciou, o alcalde enviou un escrito a todas as casas do concello no que descalificaba e insultaba algúns veciños, centrándose sobre todo naqueles que formaron parte da oposición e figuraban nas listas do BNG ou do PSOE.
Dende o Concello Comarcal do BNG considérase que o panfleto, que consta de catro páxinas, é un libelo agresivo no que se fan acusacións como chamarlle aos inspectores da Consellaría de Vivenda Comisarios Políticos ou aos membros do BNG, secta ou badulaques. Ademais, apuntaron que chega a suxerir que estes "en calquera momento lle poden plantar lume ao monte".