Foron dous os principais asuntos que protagonizaron a campaña de eleccións municipais que está a piques de concluír. Urbanismo e vivenda, en primeiro lugar, e benestar social, en segundo lugar, centraron uns debates nos que non atoparon abeiro nin o Estatuto nin o financiamento dos concellos.
A diferenza dos anteriores comicios e debido ao cambio político en Madrid e na Xunta, nas eleccións do 2007 xa non se diserta tanto sobre poder. Desta vez, fálase máis do que se pretende facer con el. O debate máis candente da campaña electoral centrouse no urbanismo que, logo de irromper en Madrid, se presentou na Galiza. O protagonismo do asunto vén dado porque, por vez primeira, deixouse ver ás claras a conexión directa entre certos empresarios e o poder municipal, escasamente fiscalizado até o de agora. O urbanismo está a desenvolver unha función fundamental na sociedade actual por dous motivos. Por unha banda, actúa como instrumento que pode facilitar a calidade de vida dos cidadáns e mellorar as condicións de acceso á vivenda. Pola outra banda, trátase dunha poderosa arma para facer negocio co solo. Hoxendía, a trascendencia do urbanismo aumenta en cidades como Vigo e Lugo, onde están por aprobarse os Planos de Ordenación Municipal, e Ourense, cidade na que o PXOM está recorrido xudicialmente.
A campaña das municipais do 2007 non se amosou allea ao urbanismo, especialmente en Vigo, onde nas últimas datas tamén se fala de emprego, centros para maiores ou escolas infantís. O PXOM de Vigo é un tema polémico co que o PSOE presionou até o final, mantendo unha postura pouco coherente xa que os principais problemas urbanísticos da cidade se deron na súa etapa de Goberno, cando se legalizaron numerosos edificios e aparcadoiros que estaban fóra da lei co plano xeral vixente por aquel entón, o do 1993. Porén, o novo Plano Xeral significaría unha oportunidade para adaptar á legalidade esas construcións. En caso de non facerse, veríanse na obriga de derrubar os edificios afectados, polo que o concello tería que afrontar unhas indemnizacións que non pode asumir. Abel Caballero, candidato socialista á alcaldía da cidade, sinalou que o plano se aprobaría unha vez pasasen as eleccións, alongando a polémica durante todos estes meses.
En Lugo, o PXOM contou con 6.500 alegacións, sen que o alcalde, Xosé López Orozco, puidese sacalo adiante malia a ampla maioría coa que conta. En Ourense, o PP aprobou un Plano Xeral que recibiu cinco recursos xudiciais á totalidade e unha ducia de parciais dos que xa foron saíndo unhas sentenzas que anulan boa parte do ordeamento. O actual alcalde ourensán deseñou un PXOM no que se prevé a construción de 50.000 vivendas e no que se prohíbe fomentar a autoconstrucción no perímetro rural da cidade, co obxectivo de obrigar os cidadáns a mercar vivenda no centro. Nos 12 anos de Goberno do PP en Ourense, non se licitou nin unha soa vivenda de promoción pública.
Malia os conflitos que xurdiron ao redor dos diferentes Planos Xerais, os debates non xiraron en torno a temas técnicos ou de importancia para a cidadanía, senón que, en moitos casos, a discusión foi levada a un tema de formas. O PSOE introduciu na axenda a incompatibilidade entre ser promotor e alcalde. Polo PP preséntanse dous candidatos dos sete que aspiran á alcaldía das sete cidades galegas que son promotores, o de Santiago, Xerardo Conde Roa, e o de Ourense, Enrique Nóvoa.
Durante a campaña, os partidos non trataron o tema estatutario no referente aos concellos. Non se falou nin das deputacións, nin dos financiamentos dos concellos, que están a sufrir o problema da atomización e da falta de recursos.
Pola súa banda, os nacionalistas fuxiron do debate urbanístico e introduciron a temática social, subliñando a importancia da vivenda, xa que Galiza foi a comunidade onde máis medrou o prezo no último ano. O BNG propuxo un pacto, que contou coa aprobación do PSOE, polo que se reservará o 40 por cento do solo para construír vivendas protexidas. O PP votou en contra. Á vez que os populares se opuñan á iniciativa, os medios de comunicación recollían a publicidade coa que o PP defendía que tanto en Santiago, onde ten ínfimas posibilidades de gañar, como en Ourense reservarían a metade de todo o que se constrúa para a vivenda pública.
O BNG intrduciu na súa axenda a construción de centros de día, a creación de escolas, bibliotecas, ludotecas e pisos de acollida para mulleres como unha das prioridades dos concellos. Estes temas foron incorporados a última hora tanto polo PP como polo PSOE, que até o momento estaban máis centrados en políticas de infraestruturas e equipamentos públicos para o rural.
Problemas cos censos
A poucos días da celebración das eleccións, seguen a darse casos paradigmáticos do caciquismo de hai anos. O PP levou a cabo unha campaña de cambio masivo de domicilios nos concellos onde vía peligrar o poder. En Ourense, o alcalde, que vive en Cudeiro, censou na súa casa 16 persoas, ao igual que outros membros da candidatura, que tamén deron de alta familias enteiras.
Outra das prácticas que se veñen producindo tradúcese na ocupación de casas en ruínas, en estacións de tren e mesmo nunha Casa da Cultura, onde hai persoas censadas para poder votar.
Nesta campaña tamén se deron a coñecer casos nos que os carteiros rurais recolleron varios votos por correo, malia que a normativa dita que os sufraxios sexan depositados nunha oficina de Correos en persoa.
Os prognósticos
As vindeiras eleccións lembraranse por ser as primeiras municipais na historia de Galiza nas que o PP non dirixe a Xunta. Progresivamente, a esquerda foi gañando terreo nas municipais. No 1999, deuse un primeiro cambio coa chegada ao poder do BNG ás alcaldías de Ferrol, Vigo e Pontevedra. Os socialistas obtiñan por aquel entón a alcaldía de Lugo, Santiago e A Coruña.
No 2003, a maioría de esquerdas produciuse en vilas intermedias. Nese contexto, o PP viuse na obriga de recorrer ao transfuguismo para recuperar alcaldías emblemáticas, como a de Sada ou Bueu. Nese mesmo ano, os populares perderon parte da súa cota de poder nas deputacións.
Agora, haberá que ver cómo responde o PP, que nos anteriores comicios municipais acadou o 41,5 por cento dos votos, por un 27 por cento do PSOE e polo 19,5 por cento do BNG. Os analistas coinciden en apuntar que sen posuír o poder central nin o autonómico, aos populares resultaralles difícil conservar algúns feudos tradicionais.