
A plataforma cidadá Queremos Galego foi quen de pór en pé o país contra a política desgaleguizadora que está a impulsar o PP desde a Xunta. De pouco valeu o silenciamento dos medios de comunicacións próximos ao Goberno nos días previos á manifestación. Máis de 50.000 persoas -segundo as forzas de seguridade- e de 100.000 -segundo a organización- responderon o pasado domingo 18 de outubro á chamada
de 500 entidades agrupadas ao redor do colectivo para se unir nun mesmo clamor social a prol da lingua.
A Praza da Quintana ficou pequena para abeirar os milleiros de persoas que agardaban nas calellas compostelás. Ás 13.30 horas, o recinto estaba acugulado de manifestantes que berraban "Ao Obradoiro, ao Obradoiro". E é que a cantidade de galegos e galegas que saíron ás rúas en defensa da lingua foi tal que aínda saía xente da Alameda co acto xa iniciado na Quintana.
Ao remate das intervencións -nas que participaron o histórico galeguista Avelino Pousa Antelo, a actriz Patricia Vázquez, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callóns, e o cantante e ex director de Programas da Radio Galega, Xurxo Souto- os manifestantes foron abandonando a praza, pero non como remate da mobilización, senón para deixarlle paso a segunda quenda de persoas que volvían ateigar a Quintana. Por vez primeira desde as eleccións do 1 de marzo, toda a oposición se reunía nun acto a prol do idioma e contra os recortes á xa de por si cativa lexislación en materia lingüística.
BNG, Esquerda Unida, Terra Galega, PsdeG ou o Partido Galeguista sumáronse en diferente grao a unha marcha que adquiriu unha pluralidade da que só se autoexcluíu o PP. Desde as mocidades nacionalistas de Galiza Nova, pasando por destacados persoeiros da cultura galega, até teólogos e sindicalistas participaron nesta manifestación histórica á que tamén asistiu o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño. Os socialistas respondían á chamada de Queremos Galego despois de desencontros entre os propios dirixentes do partido ao redor da polémica do topónimo deturpado da cidade da Coruña -defendido polo alcalde, Xavier Losada, e polo propio secretario xeral do PsdeG, Manuel Vázquez.
O líder dos socialistas galegos sinalaba hai uns días que o partido que dirixe "non tería ningún problema en aceptar o nome da cidade en castelán porque Galiza ten dúas linguas oficiais". Vázquez cambiaba de discurso o domingo e non dubidaba en nomear a Feixóo como "inimigo número un do galego". Unha vez máis, foi o nacionalismo quen abriu o camiño a favor da lingua. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, reclamoulle ao presidente da Xunta que rectifique e que "volva ao consenso" en materia lingüística. Tamén alertou da posibilidade de que Feixóo "tente mudar a Lei de Normalización Lingüística". Como reacción ao éxito da manifestación, o PP volveu utilizar como instrumento de propaganda ao seu servizo os medios de comunicación públicos do país.
En primeiro lugar, a TVG non deu ningunha cifra aproximada de asistentes e limitouse a falar de "milleiros de persoas", ao contrario que no caso da marcha antiabortista, na que deu as cifras de participación achegadas polo Goberno de Madrid. Cómpre lembrar tamén que a conexión da TVG en directo na Praza da Quintana tivo lugar nun momento de transición entre a primeira e a segunda quenda de lectura do manifesto. O ente público faltou á verdade cando afirmou que a mobilización rematara e que a xente estaba a abandonar a Quintana -mentres milleiros de persoas acugulaban as proximidades da praza para escoitar a repetición do acto, que xa fora anunciado en varias ocasións por megafonía. Coincidencia ou manipulación?
Desde as filas populares, o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda -que participara nunha marcha en contra do galego- criticou que un ministro "proteste contra un Goberno autonómico" e Feixóo preferiu aludir ao trilingüismo cando os profesores e profesoras das Escolas Oficiais de Idiomas está a mobilizarse en toda Galiza ante os recortes e o desmantelamento que están a sufrir desde a actual Xunta. A manifestación do 18 de outubro é o primeiro chanzo dun proceso que continuará co impulso dunha Iniciativa Lexislativa Popular de Queremos Galego, que demostrou ser a ferramenta máis útil, a maior expresión de unidade e de capacidade a prol da lingua. A máis grande e plural marcha en defensa do idioma foi tamén unha mobilización da autoestima do pobo galego, que desde hoxe deberá traballar a prol da reconstrución da política desde a dignidade e desde a confianza en nós mesmos.