Indica publicitat
Divendres, 10 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Dijous, 21 de de febrer del 2008 | 16:27
Crònica · Galiza

Os inmigrantes que falan galego


O incremento da poboación inmigrante en Galiza está a propiciar o deseño de estratexias para favorecer a integración social do colectivo estranxeiro. Non obstante, cada vez faise máis necesaria a aprendizaxe do galego para acadar unha plena integración que tamén comprenda o eido lingüístico. O interese por formar parte da cultura do país levou a ecuatoriana Míriam Pantoja e a colombiana Jakeline Acevedo a aprender galego.
Hai corenta e catro anos que naceu en Ecuador, pero as circunstancias persoais trouxeron a Míriam á Coruña. A fluidez coa que fala en galego fai pensar que leva toda a vida en Galiza, pero cinco anos foron suficientes para que Míriam se desenvolva “incluso mellor que algúns galegos”, como ela mesma sinala. A Asociación de Amigos en España, AMESPA, que Míriam preside na cidade herculina, vén de colaborar co servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña na organización dun curso de galego para inmigrantes. Consciente de que a aprendizaxe dun novo idioma enriquece a súa bagaxe, Míriam confía en que cada vez o número de inmigrantes dispostos a matricularse nos cursos de galego sexa maior. Para Míriam, aprender galego significa “formar parte da cultura do país que nos acolle”. A ecuatoriana engade que os inmigrantes “temos o deber de valorar o idioma do lugar onde nos asentamos”. Malia que tenta poñer en práctica o seu coñecemento do galego acotío, Míriam láiase de que os galegos non empreguen máis a súa lingua, xa que “algúns non lle dan ao galego a importancia que debería ter”.

Malia que pasaron dous anos dende que rematou un curso de galego organizado pola CIG, Jakeline, colombiana de vinte e nove anos, sente a mesma ilusión que o día no que se matriculou. Un a un nomea todos os compañeiros que estudaron canda ela, “éramos como unha familia”, lembra. Segundo Jakeline, o feito de que o seu home sexa galego non tivo nada que ver na súa decisión, “quixen aprendelo porque considero que de aí vén a integración”. Ademais, engade que ao saber galego “podo axudar cos deberes o meu fillo de cinco anos para que non teña que recorrer sempre ao meu marido”. Agora, que traballa de esteticista de cara ao público, “debo contestarlle ás miñas clientas en galego”. Dous anos despois do curso, Jakeline aínda se sente en débeda co seu mestre, “non só me aprendeu a conxugar verbos irregulares, tamén me ensinou a analizar poemas de Rosalía, obras de Castelao e mesmo a interpretar as viñetas que saen na prensa”. Segundo Jakeline, “estes foron regalos que non fixo o profesor, porque en realidade non aparecían no programa do curso”. Cada frase que acaba encadéaa cunha nova lembranza, “aínda recordo a graduación, traxes típicos, queimada, alimentos galegos... fora marabilloso”.

“En galego estamos no mundo. Defende a túa lingua”, lema polo que se rexía o curso da CIG, “ten toda a razón, non entendo como pode haber galegos que non empreguen o seu idioma”, di Jakeline. “Falar galego é unha delicia, embruxa”, engade a colombiana, que descubriu que Galiza tiña lingua de seu cando chegou á terra galega. Para Jakeline todo son vantaxes, “xa entendo o que di a xente, vexo a TVG, póñolle ao neno o Xabarín Club e mesmo sei que é unha muiñeira”. A colombiana sinala que todos os inmigrantes deberían aprender galego, “xa non só porque nos beneficia no eido laboral, senón porque axuda a manter a identidade do país que tan ben nos acolle”. Cun amplo sorriso, amosa as oitenta follas do seu caderno cheas de exercicios que fixo en galego, “aprendín todo isto no curso”.

Aínda son minoría

Malia que lembran con entusiasmo a súa introdución na lingua, Míriam e Jakeline forman parte da reducida porcentaxe de inmigrantes que teñen interese en aprender o galego. Ambas mulleres coinciden en apuntar que nos primeiros meses de estadía en Galiza a maioría dos inmigrantes non conciben pararse a aprender o idioma, “mesmo hai quen o rexeita”, di Jakeline. Ao contrario que acontece en Euskadi ou en Catalunya, en Galiza aínda resulto novidoso atopar estranxeiros que falen galego.

Nas comunidades con lingua propia os inmigrantes son considerados un colectivo vital no fomento do idioma. Durante anos, Euskadi, co Plan Vasco de Inmigración, e Catalunya, co Plan de Acción Lingüística, veñen alfabetizando os inmigrantes nas súas linguas respectivas. Segundo a Secretaría Xeral de Emigración, en Galiza non existen convenios específicos para os cursos. Non obstante, apuntan que un dos eixos que subvencionan nas entidades que colaboran na acollida e integración da poboación inmigrante é a formación, na que inclúen os cursos. Entidades empresariais, profesionais e sindicais, así como entidades sen ánimo de lucro, son as que se encargan de organizalos.

A integración lingüística é unha das prioridades de países como Alemaña, onde estableceron políticas que están a suscitar polémica. No país xermano obrigan expresamente os inmigrantes a asistir aos cursos de alemán e de integración que ofrecen as institucións.

Pouco tempo para ir aos cursos

O último curso celebrado na Coruña resultou un éxito. Segundo AMESPA, as vinte e cinco prazas que se ofertaban cubríronse en poucas semanas, “non veu máis xente por mor das longas xornadas laborais que teñen moitos inmigrantes”. Tamén gozou dunha boa acollida o último curso da CIG. Para Anxo Iglesias, técnico de Inmigración, o curso de galego para inmigrantes organizado polo sindicato nacionalista, “foi moi positivo e todos os participantes quedaron moi contentos”. Pola súa banda, Jakeline apunta, “aos cursos non vai máis xente pola situación que viven a meirande parte dos inmigrantes. Cando eu me matriculei, unha parella tivera que darse de baixa porque non tiñan a quen deixarlle os nenos”.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat