Pola súa condición de antigo país emigrante, Galiza non foxe do eterno debate da reforma electoral, senón que se erixe a prol dunha renovación que garanta a seguridade do exercicio democrático. Co fin de solventar o descontrol, o parlamento galego, a instancias do BNG, adoptou a creación dunha ponencia coa que decidir o xeito de establecer mecanismos que avalen a transparencia no voto dos emigrantes. Non obstante, a desconfianza da sociedade volverá presidir as dúas vindeiras citas electorais.
Ao longo do tempo, foron moitas as experiencias que amosaron o carácter decisivo do voto da diáspora, do que sen dúbida é factíbel que dependan varios concellos e mesmo algunha deputación nas eleccións municipais do próximo mes de maio. Galiza vese sometida de xeito particular á emigración. Son máis de 300.000 os galegos residentes no estranxeiro con dereito ao voto. Dende mediados da década dos 90, o CERA, Censo de Residentes Ausentes, non deixou de medrar. Nun primeiro momento, foron os fillos dos emigrantes os que lograron participar nos comicios. En pouco tempo, serán os netos dos nados no exterior os que poidan decidir o futuro dunha sociedade que, na maior parte dos casos, descoñecen.
A depuración do proceso electivo non só atinxe á reforma do voto emigrante. Tamén afecta a cuestións que, aínda que a xustiza non as considere ilegais, coartan as garantías que se precisan para acadar unha democracia fortalecida.
Galiza non está exenta das prácticas irregulares que ocorren na meirande parte do Estado español. E é que o país foi testemuña de fraudes que mesmo favoreceron a conquista do poder por parte de Manuel Fraga hai dezaseis anos. En contra de toda proba estatística, o ex presidente da Xunta de Galicia obtivo a maioría absoluta grazas ao voto por correo nos comicios do 1989. Nas posteriores reeleccións, continuaron as acusacións contra as anomalías do denominado voto CERA. Non era a primeira vez que Fraga se aventuraba a predicir o resultado do escrutinio. Non obstante, as prácticas irregulares son tan posíbeis hoxendía como antano.
Últimas irregularidades
Primeiro foron as viaxes institucionais sufragadas con cartos públicos para facer campaña partidista na emigración. Agora, a petición do voto semanas antes do autorizado é a práctica que se comeza a establecer como exercicio habitual nalgunhas alcaldías.
Esta semana coñeceuse o caso do rexidor do concello de Muxía, o popular Alberto Blanco, e do alcalde de Caldas de Reis, o socialista Xoán Manuel Rei, que foron os últimos en sumarse a esta práctica ilícita. A lei dictamina que non é posíbel solicitarlles aos electores o respaldo á candidatura até que comece oficialmente a campaña electoral, que será o vindeiro 11 de maio. Xoán Manuel Rei enviou cartas aos emigrantes de Caldas na Arxentina e en Uruguai co membrete do Concello, feito que apoia a tese dun posíbel financiamento público. O caso do socialista vén comprobar a falta de control non só á hora de emitir o voto, senón en todo o proceso electoral.