Indica publicitat
Divendres, 10 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 19 de de setembre del 2008 | 14:23
Crònica · Galiza

O programa do BNG afonda no cambio galego


Logo de que o pasado sábado o Consello Nacional do BNG acordase ampliar en 300 o número de delegados na vindeira Asemblea Extraordinaria do 5 de outubro, un total de 1.500 nacionalistas elixirán o candidato á Xunta. 

"Por un BNG máis forte nun Goberno con presidente nacionalista" é o lema que lle dá abeiro á candidatura de Anxo Quintana. O programa de Goberno repasa os logros dos nacionalistas no bipartito e cita as alternativas programáticas que quedan pendentes. Darlle continuidade ao cambio galego e abranguer un maior número de eidos para ampliar a transformación de Galiza son as finalidades principais da proposta. Porén, a candidatura do BNG non esquece o seu obxectivo frustrado esta lexislatura "a conquista do Estatuto de Nación".  O documento salienta a capacidade fiscal do país, que pode vivir "do seu esforzo e do seu traballo".

Na candidatura, Quintana destaca a "coordinación dos conselleiros nacionalistas" coa organización. Contodo, de cara á próxima lexislatura, o portavoz nacional do BNG confía en "mellorar aínda máis" esa relación entre o Goberno e o partido. 

Logo de anunciar que a súa candidatura tratará de afondar e consolidar os logros dos seus conselleiros e conselleiras nas materias que nesta lexislatura lles competeron, Quintana refírese á necesidade de que a Xunta conte cun presidente nacionalista para aplicar "as alternativas programáticas pendentes". 


Entre os obxectivos principais, o portavoz nacional do BNG destaca unha lei que garanta a coordinación entre as caixas de aforro e o Goberno para contar cunha "auténtica política financeira ao servizo da economía produtiva e a creación de emprego", instrumentos eficaces de promoción económica e empresarial, a mellora da sanidade e unha rede educativa "pública e de calidade".

Un marco galego de relacións laborais, unha política pesqueira e marisqueira "sustentábel", un ordenamento territorial que conxugue a preservación do medio e o desenvolvemento urbanístico e unha política ambiental que protexa os recursos "en particular a calidade das augas" son outras das finalidades da candidatura.

Quintana tamén avoga por consolidar un espazo informativo e audiovisual "arredor de medios públicos obxectivos e comprometidos coa normalización da lingua", por intensificar as relacións con Portugal, pola creación da Empresa Galega de Camiños de Ferro para que preste servizos de cercanías, por unha policía galega integral e por un pulo á normalización do idioma.

Amais, a candidatura recolle a reforma da Administración para "diminuír a burocratización" e unha nova organización administrativa que supere a división provincial.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat