Os últimos datos que facilitou a Consellaría de Pesca cifran no 84 por cento a flota de baixura que faenou na xornada de hoxe. Pola súa banda, a lonxa da Coruña recuperou hoxe a súa actividade e a de Vigo descargou 43 toneladas de peixe e 6,2 de marisco.
Pouco a pouco, a flota de baixura recupera a actividade. Na xornada de hoxe, só o 16 por cento da flota de baixura secundou o paro pola alza do prezo do combustíbel, segundo os datos da Consellaría de Pesca.
Na provincia da Coruña, un total de 26 lonxas están a traballar, mentres que a flota doutros tres portos coruñeses está pendente de decidir se faena en función de se venden ou non as súas capturas na lonxa coruñesa. E é que a lonxa da Coruña aínda recuperou hoxe a actividade logo de varios días sen poxas. Aínda así, houbo pouca variedade de peixes na lonxa da cidade herculina. Abondou o congro, o xurelo e as sardiñas. En xeral, os prezos de saída foron máis altos do habitual. Mentres que o xurelo poxouse a 25 euros a caixa, a sardiña vendeuse a 15 euros a caixa debido á gran cantidade descargada. Pola súa banda, en Pontevedra un total de 22 centros autorizados para a primeira venda están a funcionar con normalidade. En Lugo as lonxas permanecen pechadas, aínda que saíron ao mar as embarcacións de cerco de Foz, Burela e Celeiro. Tamén traballaron os percebeiros doutros portos. Como as lonxas están pechadas, as vendas estanse a realizar nas "rulas" das localidades próximas.
A Consellaría de Pesca destaca que algúns centros autorizados para a primeira venda son de marisqueo e permanecen pechados, un total de tres, para dar cumprimento aos descansos que se estabelecen en cada un dos plans de explotación. Por outra banda, Pesca apunta que cómpre ter en conta que a frota adicada á pesqueira do polbo se atopa en porto para cumprir co período de veda fixado para esta especie.
A lonxa do Berbés en Vigo recupera aos poucos a "normalidade", despois de que a flota de cerco abandonase o paro de actividade, o que provocou que hoxe aumentasen as descargas, que alcanzaron un total de 43 toneladas no caso do peixe e outras 6,2 de marisco.
A actividade transcorreu con tranquilidade ao longo da noite e a mañá posto que o labor de vixilancia das forza de seguridade impediu que se producise algún tipo de distorsión na lonxa e o porto pesqueiro. Así, hoxe tamén houbo presenza dalgúns piquetes formados por armadores que permanecen no paro convocado polo sector, aínda que en inferior número que nos últimos días.
Pola súa banda, os 35 barcos de cerco da Confraría de Vigo volveron faenar na tarde de onte logo de abandonar o paro, e descargaron en Vigo unha media de entre 80 e 100 caixas de sardiña cada un. Segundo explicou o Patrón Maior, Xosé Antonio Tizón, a flota de cerco continuará saíndo á mar debido á proximidade de San Xoán, onde se experimenta un aumento do consumo deste produto. "Os de cerco temos que seguir porque xa non podemos soportar o paro, xa que estamos nos meses máis importantes de ano", remarcou Tizón, quen explicou que os armadores pedíronlle á Xunta "que deixe faenar na noite do venres para o sábado", de forma que o produto poida manterse até o luns, festividade de San Xoán. En canto aos prezos, destacou que, debido a que aínda queda tempo para o día 23 e a sardiña fresca "non aguanta", o prezo por quilo estivo hoxe entre os 70 céntimos e un euro, mentres que noutras ocasións "chégase aos 2 e 3 euros o quilo", asegurou.
Pola súa banda, o xerente adxunto da Cooperativa de Armadores de Vigo, Xosé Antonio Suárez Llanos, confirmou que a flota de altura e gran altura continuarán o amarre, secundado de forma total desde o pasado día 15, á vez que asegurou que os armadores están á espera de ver "como se concretan" as axudas anunciadas pola UE, xa que considerou que deberán de ser matizadas para aclarar a posibilidade de que se queiran xuntar cun axuste do número de embarcacións. Neste sentido, considerou necesario que se estude a situación "en cada segmento da flota". Así mesmo, tamén pediu que se elabore un "cronograma" de como se aplicarían as citadas medidas.
Esta mañá en Santiago de Compostela celebrouse unha reunión entre as petroleiras Repsol, Cepsa, a Federación Galega de Confrarías e os sindicatos CIG, UXT e CC.OO e na que participou o secretario xeral de Pesca, Miguel López Sieiro. Na reunión, os presentes acordaron que a flota pesqueira galega que utiliza a gasolina como combustíbel, entre 1.400 e 1.600 embarcacións artesanais, poderá recuperar máis da metade do gastado presentado a factura á Axencia Tributaria. Este órgano cedeulle á petición da Xunta de eximir do imposto de hidrocarburos neste combustíbel, tal e como sucede co gasóleo.