Indica publicitat
Dimarts, 14 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Dijous, 18 de de gener del 2007 | 16:36
Crònica · Galiza

Galiza perde a oportunidade histórica de ter un novo Estatuto


O proceso do novo Estatuto de autonomía rematou. Non o fixo de mala maneira. Logo de seis horas de reunión na residencia presidencial do Monte Pío os tres líderes políticos presentes, Pérez Touriño, Anxo Quintana e Núñez Feixó, concluíron que “adiantaron moito nos traballos, que traballaron moito”, pero que “non foi posíbel”. Quintana e Touriño van máis alá e aínda concordan que se non fose polo clima que se creou nos últimos meses no Estado, co atentado de ETA incluído, o resultado final podería ser moi outro.
Podemos quedarnos con estas declaracións de boa vontade e de ollar o positivo. Pero a realidade é que Galiza perdeu unha oportunidade histórica de ter un novo Estatuto que o equiparase a Catalunya. E non se sabe cando volverá a ter esa oportunidade. O proceso queda atrancado. Era esta a proposta que o PP presentou sobre a mesa de Monte Pío. Até de agora só existían boas palabras cheas de intencións evanescentes e cánticos a un galeguismo de opereta política. O mesmo presidente Touriño afirmou que coa redacción proposta po Feixó, Galiza quedaría “aínda por detrás de Andalucía e non só de Catalunya”. No tema lingüístico o PP nin aceptou sequera a equiparación do galego co español “dentro da Constitución”. No tema identitario non foi quen de apoiar o que en 1984 votaron unanimente no Parlamento como AP cando se aprobou a Lei de Símbolos. A súa proposta de “rexión histórica do mundo occidental” e o recoñecemento ao contributo do nacionalismo levaría á rexouba se non fose que confunden a mantenta o recoñecemento do nacionalismo, que non o necesita e menos nunha lei, co estatus de Galiza dentro do Estado. Ganas de enganar. O PP non asumiu no seu día o termo nacionalidade histórica do que fai agora bandeira e, agora, ponlle o pecho ao recoñecemento nacional de Galiza afirmando Feixó que o sentimento nacional é o dunha minoría de galegos e que se pensase que o “Estado español é plurinacional estaría no BNG”, esquecendo que no seu día estivo ben próximo a Camilo Nogueira, votando por Esquerda Galega. Feixó foi así consecuente co afirmado por Raxoi hai meses, “nunca aceptaremos a palabra nación”. No financiamento, aínda que se queiran adornar as posturas dos populares con enunciados maximalistas, a realidade é que seguen imperando na súa concepción criterios como o da poboación que benefician a comunidades que teñen máis votos. Non esquezamos que o PP é un partido estatal e que segue apostando porque o financiamento se resolva no marco do Estado e non cunha negociación bilateral. Aínda así, aceptouna en Andalucía por ser a grande tulla de votos dentro do Estado. Se a imposibilidade do acordo hai que cargarlla no debe do Partido Popular pola súa postura de situar a Galiza entre as autonomías de segunda, o fracaso do proceso hai que situalo no debe de Pérez Touriño como presidente da Xunta. Touriño foi quen marcou o proceso a seguir. Quixo prescindir das forzas políticas e do Parlamento e centrar todo no tres líderes, situándose el como árbitro do proceso. De saír adiante sería o presidente quen levase as loas e os réditos políticos. Así que tamén debe de ser el o que cargue co fracaso. Pero a política que puxo en marcha Pérez Touriño nos últimos meses foi máis alá. Non respectou os Acordos de San Francisco asinados co seu socio o BNG e presentados oficialmente xunto co seu vicepresidente Anxo Quintana para o novo Estatuto. Someteu ao bipartito a tensións inútiles e nin sequera dialogou con Anxo Quintana nos últimos días para darlle a coñecer as propostas que ía presentar o 17 de xaneiro. O PSOE estivo a xogar neste proceso con dúas barallas. Por un lado, asinaba un acordo co seu socio do BNG. Polo outro, pactaba con Feixó. Un pacto que é evidente no tema do financiamento, porque ambos comparten a filosofía estatal. Un acordo ao que chegaron Leiceaga e Orza (ex conselleiro de economía), segundo fontes do PP, que tamén relatan os acordos entre Touriño e Feixó. Esta xogada de alto risco de Touriño, situándose como árbitro e desprezando os pactos de goberno, ao tempo que deseñaba proposta que teimaban que o BNG aceptase o inaceptábel para os nacionalistas puxo ao bipartito ao borde da ruptura. Foron os últimos acontecementos a nivel do Estado os que imposibilitaron un achegamento maior entre os populares e os socialistas. O atentado de ETA o día 30 en Barajas deulles a puntilla. Era imposíbel un achegamento PP-PSOE no medio do enfrontamento político, pois detrás da discusión antiteterrorista está claramente a do deseño do Estado. Os acordos acadados en Andalucía para reconducir definitivamente o proceso que se comezara en Catalunya e que lle impuxeron finalmente unha parte do PSOE a Zapatero, quedaba aparcado. Así as cousas, o Estatuto galego estaba tamén finiquitado. A reunión do 17 era, unicamente, para confirmar a súa defunción. Pérez Touriño asinaría que foran PP e BNG os indutores do “crime” por non pórse de acordo. El non puidera facer nada polo entendemento de dúas posturas tan distantes. Nesta situación é cando Anxo Quintana pon en marcha unha estratexia de non menor risco que a de Touriño. Declaraba que o BNG aceptaría as propostas do presidente sempre que non chegasen as tres forzas a un acordo. A situación era delicada internamente. Como sería recibido polas bases nacionalistas se finalmente se aceptaban unhas propostas que fosen moito menores ás aprobadas na Asemblea Nacional. Touriño viu unha porta aberta. Preparou as súas propostas e non só non chamou a Quintana para darllas a coñecer, senón que tensou a corda e as rebaixou respecto das que o voceiro socialista, Ismael Rego, tiña presentado na comisión parlamentaria. A escusa era que fosen admitidas polo PP. Estaban moi por debaixo das pretensións dos nacionalistas, pero Quintana aceptou na reunión as propostas de Pérez Touriño, menos algúns flocos, que deixarían para despois de sumarse o PP, porque, afirmou o vicepresidente, “aínda máis importante aínda que o Estatuto do nación é que nos comportemos como tal nación”. A cerrazón do PP impediu, xa que logo, que se aprobase o Estatuto, pero tamén que a estratexia de Pérez Touriño saíse adiante. Quintana pensaba que os populares non ían aceptar ningún pacto nestes momentos. Os nacionalistas ollan agora para o camiño andado e para un debate que, por vez primeira na historia, puxo as grandes cuestións políticas da axenda nacionalista no primeiro plano durante máis de dous anos.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat