Indica publicitat
Dimarts, 14 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Dijous, 17 de de maig del 2007 | 16:58
Crònica · Galiza

Folga do metal en Vigo


Dende o día 3 de maio os traballadores do naval continúan unha folga que comeza a ter visos de solucionarse. O motivo do paro non foi outro que o incumprimento do convenio laboral acadado o pasado ano para os tres exercicios seguintes. Na madrugada do xoves 17 sindicatos e patronal lograron alcanzar un principio de acordo que deberán ratificar os traballadores do metal nos próximos días. Na última semana veñen de celebrarse xuntanzas entre os representantes sindicais e os empresarios para decidir se o convenio do metal continúa ou non en vigor. Á súa vez, desesperados pola situación laboral, miles de traballadores botáronse á rúa nunhas concentracións que cada día se radicalizaban máis.

Dende o inicio do paro indefinido, os empresarios consideraron que a folga carecía de contido laboral. Nun primeiro momento, non estaban dispostos a negociar, a pesar de seren convocados en varias ocasións pola Consellaría de Traballo. A intención pasaba por manter unha folga de longa duración para que os sindicatos cedesen e para lograr que non se cumprisen as cláusulas acordadas no convenio do pasado ano. O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Xosé Manuel Fernández Alvariño, apuntou que a reacción dos sindicatos é “desproporcionada e política”. A menos de dúas semanas para a celebración das eleccións aprovéitase para crispar o ambiente das campañas.

As irregularidades

Dende a Confederación de Empresarios da provincia afirmouse que non se deu ningunha irregularidade para que se estea a producir tal convulsión entre os traballadores. Pola súa banda, os sindicatos indican que unha boa parte dos empresarios non está a cumprir coas cláusulas máis relevantes asinadas o pasado ano. As disposicións causantes da folga refírense á redución da precariedade no sector. Os representantes sindicais alegan que nin se está a cumprir a cláusula que alude á porcentaxe de fixos, que durante o 2007 debe superar o 45%, nin a que versa sobre os novos traballadores, que deben ser inscritos na Axencia da Bolsa de Emprego co obxectivo de evitar un empeoramento das condicións contratando por fóra. Até o de agora, os datos presentados pola Consellaría de Traballo benefician os traballadores, ao abeiro dunha unidade sindical total da que tamén forma parte a CUT, malia que non asinou o convenio e malia que os empresarios se negan a concederlle representatividade. Tanto a CIG, como a CUT, CC.OO. e UGT subliñan o incumprimento do convenio como causa das protestas e se afanan en lograr reducir a precariedade no sector. Nas 121 empresas revisadas por Traballo atopáronse 454 irregularidades. Os problemas máis significativos preséntanse na caldeiraría e na tubería. Os traballadores destes sectores son os que padecen os maiores índices de precariedade.

A loita na rúa:

 O decimoterceiro día de paro do sector naval converteuse no máis destrutivo de toda a folga. Os sindicatos xa advertiran que, de non acadar un acordo na negociación do pasado luns día 14, as mobilizacións intensificaríanse. Os accesos pola estrada e pola autoestrada a Vigo permaneceron cortados durante toda a mañá. A cidade olívica permaneceu baixo unha nube negra procedente da queima de contenedores do lixo. Co fin presionar a patronal para acadar unha solución, un grupo de folguistas asaltou o edificio da Xunta para destrozar mobiliario e para destruír expedientes e documentos que foron guindados polas fiestras baixo a atenta mirada dos cruceiristas. Como apuntou Antolín Alcántara, da CIG, a entrada na Xunta non foi previsto, senón que se tratou dunha acción espontánea por parte dun grupo de folguistas.

Os manifestantes, vixiados por un gran despliegue policial que non chegou a intervir en ningún momento, lograron chamar a atención dos cidadáns e dos medios de comunicación. Tanto dende as empresas coma dende o concello condenáronse os actos. O tecido empresarial afánase máis en darlle publicidade á perda de contratos e á imaxe negativa que se ofrece da cidade cara ao exterior que en procurar unha solución factíbel. Durante a última semana, os manifestantes cortaron a circunvalación pola que se accede a Citröen para impedirlles o paso aos traballadores da fábrica chave do sur de Galiza. Unha nutrida presenza policial vixiou os folguistas para que non perturbasen o funcionamento habitual do Grupo PSA.Peugeot-Citröen. Non obstante, algúns medios de comunicación da cidade difundiron que a folga afectou a produción de vehículos. Pola súa banda, o colectivo estudiantil amosouse a prol dos empregados, “se os traballadores do metal gañan, todos gañamos, pero se perden no futuro atoparemos máis explotación e peores condicións de traballo”.

As negociacións:

Nos últimos días, por mor da dureza das concentracións, sucedéronse as xuntanzas entre as partes afectadas. Todo apuntaba a que o pasado luns finalizaría a folga, xa que se reduciran as diferenzas entre as partes afectadas e se creara un clima de optimismo de cara á reunión entre a patronal e os sindicatos. Non obstante, a frustración volveu presidir un encontro que, malia durar 16 horas, de nada serviu. As xestións non se detiveron nas xornadas consecutivas.

 Montaxes Nervión S.A. foi a principal causante do conflito. Dos 250 traballadores, só oito posúen contrato indefinido e son os mesmos que ocupan os cargos de dirección. Nas últimas horas, dende Montaxes Nervión téntase explicitar o compromiso a manter a actividade no naval vigués e a cumprir coa cláusula do 45%.

 No que atinxe á petición empresarial de que os estaleiros poidan concatenar contratos de obra en distintos centros de traballo, algo que rexeitan os sindicatos, existe unha proposta da autoridade laboral que contemplan ambas as dúas partes. Até o de agora, o encadeamento de contratos fora a principal traba para pechar a negociación. Tanto a CIG, como a CUT, CC.OO. e UGT demandan que a renovación dun contrato a un traballador eventual só se permita facer no mesmo estaleiro onde se cumpriu o anterior. No caso contrario, o traballador debe volver á bolsa de emprego. As centrais sindicais reclaman que se prohíba o contrato de empresas que non cumpran o convenio, para o que esixirán un certificado á hora de asinar o contrato. Será a Inspección de Traballo o ente encargado de velar polo cumprimento.

Principio de acordo:

A patronal e os sindicatos alcanzaron na madrugada do xoves 17 un preacordo que deberá ser ratificado polos traballadores logo de negociar durante máis de doce horas. De aceptar o principio de acordo, a folga indefinida quedaría desconvocada. O compromiso que acadaron sindicatos e patronal tradúcese na contratación do 45% dos tarballadores eventuais a fixos. Se no prazo dun mes as empresas non certifican o acordo, botaríanas fóra do sector naval.  

 

 

 

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat