Unha cousa é o que din as palabras e outra a realidade que esconden. Oficialmente, o presidente da Xunta, o socialista Pérez Touriño, e o presidente do PP na Galiza, Núñez Feixó, acordaron na súa entrevista para desatrancar a tramitación do novo Estatuto que “Galiza seguirá a ser unha autonomía de primeira, como Catalunya e Andalucía”. Para logralo “buscarán unha fórmula propia” que defina a Galiza.
A realidade é outra. PP e PSOE pactaron pechar de novo o proceso de construción dun Estado plural. Andalucía, como hai 30 anos, cando a elevaron á categoría de “nacionalidade”, será a chave. Galiza a grande sacrificada se, como daquela, os galegos non saen á rúa e impoñen os seus dereitos históricas.
Reaparece o futuro “aldraxe”, palabra co que se coñece aquel intento de sacarlle a condición de nacionalidade histórica a Galiza. E, como daquelas, pretenden obrar as acochadas.
Baixo estas premisas enténdese moito mellor a entente PSOE-PP en Madrid a respecto do estatuto de Andalucía, o apoio de Mariano Raxoi, de Fraga Iribarne, de Manuel Chaves, Zapatero e o mesmo Alfonso Guerra, inspirador hai 30 anos do acordo con Pérez Llorca (UCD) para rebaixar o estatus de Galiza e coutar o “desmadre autonómico”.
Logo viría o 23-F impoñéndose o “café para todos” a golpe de estado e da conseguinte lei que pasou a historia como LOHAPA, admitida polos partidos estatais como parte do “Pacto do Capó” asinado no Congreso polos militares secidiciosos. Como van coutar agora a Catalunya?
Galiza=igual a Andalucia, mentres Catalunya xa ten o recoñecemento de nación no seu Estatuto. Iso é o que pactaron PP e PSOE na Galiza baixo a ameaza de Mariano Raxoi de que non vai admitir o termino “nación” para Galiza. De Pedro Solbes que se nega a que o Estatuto galego contemple cantidades fixas de financiamento, como Catalunya ou Andalucía, ou do ministro do interior, Pérez Rubalcaba, que se nega a que Galiza poda ter competencias en tráfico como Catalunya ou Euskadi. Todo no mesmo día. Pero a cesión de Pérez Touriño, algo lóxico, pois sempre se mimetiza cos seus interlocutores, vai máis alá. Acordaron aprazar o debate até despois das eleccións municipais. Isto é que demandaba Mariano Raxoi.
Tampouco o din así, claramente, senón que, nas súas declaracións ao rematar a xuntanza afirman que “de non existir acordo en xaneiro, aprazaranse os debates até despois do 27 de maio”.
Saben que o BNG nin vai admitir que se lle rebaixo o estatus constitucional de nación a Galiza, nin pode facelo. O PSOE racha así tamén o acordo que tiña asinado co seu socio de goberno nacionalista: o novo estatuto recoñecerá a Galiza como nación (así está tamén nos documentos dos socialistas), e se non existe acordo co PP na comisión relatora, aprobarase o anteproxecto cos votos de ambos socios do goberno, se o PP se nega a apoialo no pleno do Parlamento que pague as consecuencias na próxima campaña electoral.
Pero Touriño non só pactou con Feixó o ritmo do relatorio estatutario, de costas aos seus socios de goberno, senón que as súas deliberacións sexan segredos, cando o PP foi o que primeiramente demandara a presenza dos xornalistas.
A máis diso, PP e PSOE mostráronse de acordo en que o Estatuto non inclúa o deber de coñecer o galego. Se fose a súa proposta adiante, no tema lingüístico o Estatuto Galego quedaría por detrás do vello estatuto catalán. Non hai que esquecer que foron os socialistas os que en 1983 presentaron un recurso contra a Lei de Normalización Lingüística de Galiza (aprobada por unanimidade no parlamento) por recoller este precepto.
Ante este pacto de Pérez Touriño como PP que vai pasar? En primeiro lugar, que o presidente da Xunta seguirá a encerellar e a dicir cousas distintas das que dixo a próxima semana. Así é como político desde os tempos do PCE. En segundo lugar, que o BNG non vai aceptar o pacto do PP co PSOE tal é como o formularon o mércores 15 de novembro. En terceiro lugar, e xa avisaron os nacionalistas a pasada semana, se este pacto entre socialistas e populares vai adiante, o BNG abandonará o goberno da Xunta.Touriño perderá a presidencia. Estará disposto?