Astano era ao comezo dos anos oitenta a maior grade de construción de buques de Europa. O goberno socialista de Felipe González decidiu daquelas desmantelar parte dos estaleiros, no que se denominou “reconversión naval”. Unha decisión que se tomaba en virtude da negociación de entrada no Mercado Común. A peor parte deste desmantelamento sufriuna Galiza. Os estaleiros de Fene non volveron a construír buques civís. As centrais UGT e CCOO asinaron o acordo.
A decisión foi ratificada polo Goberno de Aznar dúas veces. O goberno de Zapatero volveu a ratificalo nun acordo coa UE asinado no ano 2005. Os nacionalistas andaron todo este tempo pelexando nos distintos parlamentos para que o estaleiro de Fene, case en ruínas, volvese a construír buques civís, pois foi traspasado a Navantía, a división naval do Estado, e só está autorizada á construción militar. Predicar no deserto.
Pero cando o BNG chegou ao goberno da Xunta presentou un plano para recuperar esta factoría. Conseguiu que Barreras, un dos principais estaleiros do Estado, optase a mercalo co apoio das dúas grandes caixas galegas. Xa non existían desculpas de que era inviábel. Había un plano.
Pero a SEPI, titular do estaleiro négase a que se constrúan barcos civís, descualificando o plano xa antes de ser presentado polo conselleiro de Industria Fernando Blanco. O máis bonito, por chamarlle dalgún xeito, foron as distintas versións que foi ofrecendo o presidente da SEPI Martínez Robles durante as últimas semanas. Versións diferentes e contraditorias.
A primeira versión referíase á prohibición da UE de construír barcos civís en Fene. Na segunda xa non se incluía esta prohibición expresa, senón que se citaba un acordo verbal no 2005 entre a SEPI e a Comisión Europea e os sindicatos. Acordo que foi negado tanto pola Comisión como por algún dos sindicatos participantes. Na terceira versión, a SEPI aludía a existencia desa cláusula de prohibición pero manifestando que non se fixo pública por le afectaba á construción militar e era un “segredo”. Paradoxal se a prohibición de construír buques en Fene só se refire á construción de buques civís.
O certo é que o Goberno español non quere dar a coñecer ese acordo.foille demandado ao ministerio de Exteriores por parte da Xunta en novembro e non obtivo resposta. Agora vicepresidencia reclamoulle ao ministerio de Administracións Públicas. O semanario “A Nosa Terra”, que tivo acceso a el, publicou que nos 18 puntos asinados non existía ningunha cláusula que negase a posibilidade de construír barcos en Fene. Pero a Comisaria da Competencia, Neekelie Kroes, manifestoulle ao diario La Voz de Galicia que existían “cláusulas confidenciais” e, polo tanto “segredas”.
A Nosa Terra xa publicara nos anos oitenta como existía un documento da OTAN que lle reservaba a Ferrol o papel de base naval e centro de reparacións da flota americana no caso de conflito bélico. As grades de Astano serían para arranxar eses grandes barcos americanos. Tamén se dicía nese informe da OTAN do ano 1981 que o grande número de traballadores do naval de Ferrol contrarios a OTAN era un perigo, polo que había que alixeirar esta comarca de grandes centros de produción naval.
Lembren que a negociación de entrada no Mercado Común e da OTAN polo Estado español foi parella. A UE e a outra cara da moeda da OTAN.
É aínda unha imposición da OTAN a que non lle permite construír barcos civís en Fene? Por que tanto a UE como o Estado español falan de cláusulas segredas? Ten plena soberanía o Estado español sobre Ferrol? Hai dúbidas que só poden disiparse coñecendo enteiramente os acordos asinados entre Madrid e Bruxelas.