Nin a Madrid nin a Lisboa lles gustan nada que Galiza e Portugal estreiten relacións. Supoño que, máis ou menos, que a París e Madrid as relacións fraternais das dúas Catalunyas. Non hai máis que lembrar a negativa do Goberno do Estado a apoiar a proposta de por en marcha unha eurorrexión como propuxeran Maragall. Galiza e o norte de Portugal conforman unha eurorexión, como pode ollarse
letreiros de obras, e pouco máis. Lisboa ten ciumes do Porto e olla cara Madrid. Por iso os trens cara centroeuropa teñen que ir por Extremadura, mentres se retrasa o AVE que debería unir Vigo con Porto.
En Madrid e, mesmo na Galiza, tamén ollan con desconfianza as relacións de Galiza con Portugal, da Galiza Norte e a Galiza Sur históricas. Fan todo o posíbel por que ambas partes do Miño sigan afastadas. Negan que galego e portugués sexan o mesmo idioma aínda que todos os manuais e estudos así o consideren, agás na Galiza e en España. Mesmo nesta parte do Miño impiden ver a televisión portuguesa para que non haxa “contaminación”, sobre todo lingüística.
Ven isto a conto pola decisión que tomaron ambos gobernos estatais de que se instale en Badajoz o Secretariado Técnico do Programa de Cooperación Transfronteiriza Hisponolusa. Este organismo, pertencente á UE, xestionará os programas de cooperación transfronteiriza entre ambos estados. Contará con 19 millóns de euros anuais para funcionar e dez especialistas para xestionar 350 millóns de euros. Por que Badajoz?
Afirman en Madrid que Portugal non aceptou a Vigo, proposto pola Xunta, por que implicaría a creación na rexión do norte de Portugal dun importante organismo con personalidade xurídica propia e iso favorecería o antagonismo Porto-Lisboa (a capital económica e a capital política portuguesa). Carlos Lage, presidente da Comisión de Coordinación da Rexión do Norte, di que é mentira, que España decidiu Badajoz sen presión ningunha.
A decisión ten que ser política, pois os dados de fluxos entre os dous países son claros: Galiza move o 60% do comercio transfronteirizo entre o estado español e o portugués. Só Pontevedra realizou o ano pasado 100.000 acordos comerciais con Portugal. Un de cada tres viaxeiros que cruzan as fronteiras fano por pasos galegos... E logo está a lingua común... Pero, se cadra, precisamente foi por iso. Hai anos, o veterano dirixente comunista, Alvaro Cunhal “reprendeume duramente”, por estar alentando desde as páxinas de A Nosa Terra as relacións de Galiza con Portugal por que así se apoia o “autonomismo do Norte, que é fascista, fronte ao Sur, que é de esquerdas”, argumentaba.