Tras unha longa semana de reunións, BNG e PSOE sentaron as bases principais que rexerán as coalicións de goberno votadas polos cidadáns nas pasadas eleccións. Anxo Quintana e Emilio Pérez Touriño asinaron un marco xeral para gobernar en noventa e cinco municipios galegos. Finalmente, a alcaldía pertencerá á forza máis votada e o segundo partido en número de votos ocupará unha tenencia de alcaldía única.
Foron seis as intensas xornadas nas que se fraguou o marco xeral de coalición entre o BNG e o PSOE. Ambas as dúas forzas políticas véronse na obriga de ceder nas súas posturas iniciais para acadar un acordo que salvou numerosos atrancos, polo diferente punto de vista dos socios.
Os primeiros contactos serviron para que ambos partidos manifestasen as súas posturas perante as novas coalicións. Os socialistas defendían unha idea de bipartidismo PSOE-PP, onde circunstancialmente o BNG sería o resorte preciso para gobernar. Os nacionalistas non estaban dispostos a ser “nin o bastón nin a muleta de ninguén”. O BNG pretendía actuar como unha forza política con identidade e programa de seu. Nas negociación establecidas por nacionalistas e socialistas tratouse, a instancias do BNG, a marcha da coalición na Xunta, incluíndo na comisión negociadora a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.
As liñas xerais
Dende o inicio das conversas, o BNG esixiu nas cidades un tenente de alcalde con poder executivo e orzamentario e con competencias claras. E é que, de cada vez, os concellos son máis presidencialistas por lei e se lle outorgan aos alcaldes un maior número de poderes. Hai rexentes que ordenan e mandan cunha conduta demasiado personalista, o que engade máis dificultades.
O BNG non pretendía que houbese dous alcaldes, senón dúas referencias políticas claras, como existe na Xunta. “O alcalde é o coordenador, o que non quita é que poidan existir dous referentes políticos porque o programa que se vai aplicar non é o dun único partido”, afirmou Quintana.
Durante a primeira xuntanza, o 5 de xuño, o PSOE rexeitou de pleno a pretensión nacionalista de discutir a filosofía das coalicións. Os socialistas solicitaban que os gobernos reflectisen o peso que as urnas lle proporcionaron a cada partido político e que os pactos non poderían suplantar o veredicto dos cidadáns. O BNG nunca aspirou a subverter esa proporcionalidade. Os nacionalistas estaban decididos a renunciar aos pactos xerais de non cumprirse as súas vontades. Logo do bloqueo das negociacións, o PSOE mudou a súa idea de partido hexemónico e dos nacionalistas como aliado conxuntural.
O marco xeral deu o pulo para formar os gobernos de coalición na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. BNG e PSOE acordaron destinar a alcaldía para a forza máis votada e a tenencia de alcaldía para a segunda forza, salvo que as direccións locais pacten outra cláusula. As áreas de responsabilidade serán distribuídas en función da representatividade acadada por cada partido.
No que atinxe ao resto de municipios, promoverase un proceso de diálogo para favorecer gobernos de coalición ou acordos de gobernabilidade.
Seguimento das negociacións
A teima por un pacto xeral podería chegar a ser contraproducente, coñecendo os grandes desencontros que se dan nalgúns concellos como o de Foz, Pol, Vimianzo ou Corcubión. Todo apunta a que se produzan situacións nas que nacionalistas ou socialistas se neguen a entrar nun goberno de coalición co seu socio.
Nas sete grandes cidades, as primeiras reticencias déronse no concello de Lugo e no da Coruña. Tamén se deron trabas en Ourense polo rexeitamento do BNG á oferta de reparto de poder que os socialistas propuxeron.
No caso de Vigo, o socialista Abel Caballero perfílase como novo alcalde, apoiado polo BNG, logo de que o nacionalista Santiago Domínguez rexeitase o pacto que lle propuxo a alcaldesa en funcións, Corina Porro.
En Santiago e en Pontevedra continúan as conversas sen demasiadas friccións. Pola súa banda, en Ferrol o PSOE asinou un pacto con IU e agarda a que se sume o BNG ao goberno de coalición.
O caso das deputacións
Tanto o BNG como o PSOE están de acordo en que a xestión dos entes provinciais se poden mellorar. Non obstante, as diferenzas xorden á hora de establecer as competencias. Os nacionalistas pretenden a idea de ir desmantelando pouco a pouco as deputacións. Queren acordar qué competencias lles van transferir aos entes comarcais e áreas metropolitanas e cales outras van pasar á Xunta.
Polo de agora, BNG e PSOE non acordaron o pacto para establecer un programa común que rexa as deputacións de Lugo e da Coruña.