"Éxito electoral" e "unha boa noticia en medio do bombardeamento bipartidista" foron as palabras que profería Francisco Jorquera, coordinador da Executiva do BNG e deputado pola Coruña, perante os medios de comunicación na noite electoral. Pola súa banda, o portavoz do Bloque Nacionalista Galego e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, afanábase en subliñar que o BNG foi a "única forza nacionalista" que aumentou en número de votos e en porcentaxe respecto ás eleccións xerais de do 2004. Logo de agradecer o apoio dos militantes e de felicitar os galegos por "confiar nesta formación", Quintana advertiu que, a partir de agora, o Bloque contará moito en Madrid. O líder nacionalista apuntou que, pese a campaña de socialistas e populares, a vitoria do bipartidismo en Galiza foi "pírrica".
O BNG pasou do 11,37% dos votos ao 12,06% respecto ás eleccións de hai catro anos. A formación nacionalista obtivo dous deputados. Olaia Fernández Davila repite como deputada pola provincia de Pontevedra e Francisco Jorquera substitúe a Francisco Rodríguez como deputado pola Coruña. Pola súa banda, PP e PSOE lograron un dos resultados máis axustados. Malia a importante subida do PsdeG nas catro privincias galegas, os populares mantéñense como a primeira forza en porcentaxe de voto e en escanos. O PPdeG acadou o 44,5% dos votos e once deputados, un menos que no 2004. O PsdeG logrou o 39,5% dos votos e dez deputados. Os socialistas perderon un escano na Coruña, o que perdeu a circunscrición coruñesa por poboación, pero gañaron un en Ourense a costa do PP.
O avance do BNG non se reflectiu nas cidades. Das sete urbes, o BNG só subiu en porcentaxe de voto en Santiago de Compostela, e menos dun punto en relación aos comicios do 2004 (un 13,05% fronte a un 12,72%). A formación nacionalista caeu nas outras seis cidades. En Ourense, onde gobernan en coalición co PSdeG foi onde se deu o maior descenso.
Pola súa banda, os socialistas descenderon en porcentaxes de voto na Coruña, Santiago de Compostela e Pontevedra. Foron Vigo, Lugo, Ferrol e Ourense as cidades nas que se produciu o aumento.
O PPdeG descendeu en Vigo, Ourense, Lugo e Ferrol. A maior caída deuse en Ourense, mentres que en Santiago de Compostela practicamente revalidou os resultados das xerais do 2004. As cidades onde máis incrementou a súa presenza foron A Coruña e Pontevedra, con subas de máis de dous puntos.
Logo de felicitar a José Luís Rodríguez Zapatero polo seu triunfo, Anxo Quinta advertiu que "contará" co BNG "sempre e cando teña en conta a Galiza". O líder nacionalista asegurou que o BNG ten a intención de darlle "estabilidade" ao goberno socialista. "A lexislatura son catro anos e nós ímola afrontar con tranquilidade e ilusión porque temos máis experiencia e podemos ser máis decisivos coa nosa representación", engadiu. Non obstante, nos últimos días asegurou non ter "présa" para iniciar unha negociación sobre a colaboración que ambas as formacións poden manter durante a vindeira lexislatura. Segundo o nacionalista, "os ritmos débeos marcar Zapatero".
Reparto de senadores
O Parlamento galego acordou, co rexeitamento do PPdeG, outorgarlle un senador de designación autonómica para cada un dos tres grupos con representación parlamentaria. O PPdeG denunciou que nacionalistas e socialistas romperon o consenso ao impoñerse un sistema distinto ao utilizado nos últimos 25 anos, que lle outorgaría dous escanos e deixaría ao Bloque sen ningún. Pola súa banda, socialistas e nacionalistas reprocharon aos populares que "intenten gañar nos despachos o que perderon nas urnas" e aseguraron que a fórmula elixida esta vez foi a mesma que sempre, agás en 2004, segundo comentaron tras a Xunta de Portavoces na que tomou esta decisión.
O nacionalista Carlos Aymerich afirmou que a regra da proporcionalidade foi avalada polo Tribunal Constitucional, porque permite "maior pluralidade" na representación das comunidades autónomas ante a Cámara Alta. Porén, invitou os populares a acudir de novo perante o Tribunal ou a optar pola xurisdición ordinaria. O voceiro do BNG no Parlamento galego atribuíu esta polémica aos "problemas internos" dos conservadores na designación do seu senador.
Pola súa banda, o socialista Ismael Rego vencellou as discrepancias cun "intento de desviar a atención da derrota electoral". Ademais, subliñou que se respectaron "escrupulosamente" os criterios de pluralidade. Segundo Rego, trátase dunha "saída de ton" da oposición.
O popular Manuel Ruiz Rivas apuntou que se produciu a "ruptura do consenso de forma unilateral" estabelecido nos últimas 25 anos. Neste sentido, argumentou que nas actas de 1986 se recolle que o método elixido foi a Lei D' Hont.
Ao finalizar a reunión, a Presidencia do Parlamento emitiu un comunicado que di, "esta Mesa e a Xunta de Voceiros queren que a representación da Cámara no Senado sexa un fiel reflexo da vontade dos cidadáns e, por iso, se aplica o criterio da proporcionalidade pura".
No último pleno do mes, o luns 25, remata o prazo para presentar as candidaturas, que aínda non se fixeron públicas. Será o 1 de abril cando se constitúa o Senado e cando cadanseu senador poida tomar posesión do seu cargo.