Até o de agora, malia as boas intencións, as relacións entre Galiza e Portugal non foron doadas. As elites políticas do país luso sempre ollaron cara ao Estado español. Coa entrevista entre o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o presidente de Portugal, Cavaco Silva, téntase que ambos países estean na primeira liña de construción da Europa dos Pobos como aliados.
A pesar dos esforzos meritorios que, dende o nacionalismo galego, trataban de acercar Galiza e Portugal, o Estado español mediou nas relacións impedindo o achegamento e o intercambio. O nacionalismo galego sempre tentou unha aproximación con Portugal, pero nunca se conseguiu unha relación estábel e consolidada máis alá das colaboracións puntuais e meritorias. Pola outra banda, o poder político de Lisboa nunca viu con bos ollos o achegamento do norte portugués a Galiza, polo que dificultou as comunicacións. O punto de inflexión nas relacións entre os dous países tivo lugar logo do Prestige. Daquela unha delegación do BNG entrevistouse con todos os grupos parlamentarios da Asemblea Portuguesa, coa súa presidencia e co ex presidente Mário Soares, subscribindo un comunicado conxunto no que se condenaba o atentado ecolóxico do petroleiro.
Até o de agora, as reunións que se viñeron producindo entre os presidentes dos dous países eran encontros parciais. Segundo Quintana, esta é a primeira vez que a reunión se celebrou “país a país, de goberno a goberno”. A singularidade desta entrevista reside no feito de ser un nacionalista o que ostente a representación de Galiza.
Grazas á perda de poder do bloque do leste, á consecución dunha maior autonomía por parte de Galiza e, sobre todo, á maior presenza institucional do nacionalismo galego, os froitos foron dando resultado até chegar ao encontro celebrado en Santiago de Carcén. Os máximos mandatarios aproveitaron o acto inaugural da exposición “No camiño sob as estrelas. Santiago e a Peregrinaçao a Compostela” para reunírense. Segundo o vicepresidente da Xunta, a mostra inaugurada constitúe un compromiso galego por abrir novas traxectorias de cooperación co país veciño, “este evento marca o comezo dunha nova etapa de colaboración entre Galiza e Portugal no universo da cultura”. Pero Quintana quixo ir máis alá apostando por solidificar un marco de relación entre ambos os países onde existan múltiplos niveis de goberno, onde as relacións deixen de estar tomadas nun escenario institucional puramente vertical e onde o poder se reparta.
Aliados na Europa dos Pobos
Na tarefa de abrir novos horizontes de cooperación, Quintana apostou por fortalecer un espazo de colaboración bilateral e de participación entre Galiza e Portugal. O vicepresidente da Xunta pretende superar a “rutina de traballo que está a operar nas relacións entre ambos países”. Afirmou que Galiza “no seu carácter de nación quere estar en primeira liña, contando con Portugal como o mellor aliado”. Non se trataría só de cooperar e ter relacións co norte de Portugal, senón co Estado Portugués, aínda que Quintana tamén defende o avance dos instrumentos institucionais xa existentes. Pola súa banda, Cavaco Silva mostrouse convencido de que a cooperación evidenciada na exposición que viñan de inaugurar “é un dos exemplos dos mercados dos mundos”, que comparten Galiza e Portugal co resto de Europa.