O emprego do galego no eido escolar é un dos temas que máis lles preocupan aos galegos. Durante os últimos anos moitas foron as denuncias de diversos colectivos sociais por mor do incumprimento da Lei de Normalización Lingüística no ensino. Mentres a dereita se desmarca do decreto acordado polos tres partidos maioritarios, PSOE e BNG loitan polo total cumprimento da lei.
Nun primeiro momento, BNG, PSOE e PP chegaron a un acordo polo cal se impartirían como mínimo o 50% das materias en galego no ensino non universitario. Galiza daba un paso máis na normalización da lingua no ensino, ao igual que xa fixeran outras autonomías do Estado español, como Cataluña, Euskadi, a Comunidade Valenciana e as Baleares.
O decreto para galeguizar o eido escolar, que afectará tanto aos centros públicos como aos concertados e privados, ámbito no que prima o español, foi celebrada por educadores, pais e editores. Que os alumnos acadasen competencias semellantes nos dous idiomas era o obxectivo fundamental dos tres partidos, até que hai unhas semanas o PP se desvencellou do acordo.
Dende un primeiro momento, O BNG reclamou que o galego fose a lingua do 50% das materias en Infantil e o 70% en todo o ensino non universitario, incluído o bacharelato. Ademais, demandou que se garantise a aprendizaxe da lectura e da escritura en galego, que se potenciasen os equipos de normalización e que se lles dotase de máis poder.
O PSOE mantivo unha liña paralela á Consellaría. Os socialistas pretenderon fuxir de calquera confrontación que xerase polémica e impedise a súa aprobación unánime.
A postura do PP
No momento do acordo, o PP situouse nos mínimos do Plan de Normalización, cunha interpretación á baixa do mesmo. A portavoz parlamentaria de ensino do Partido Popular, Manuel López Besteiro, admitiu unha posición do seu grupo a prol do recorte do número de horas lectivas en galego respecto ao que marca do Plano de Normalización, aínda que matizou que o facía para evitar conflitos nos centros educativos. Deste xeito, a postura dos populares era favorábel a que o galego tivese máis relevancia no ensino, pero non da forma que figura no borrador. Dende hai unhas semanas, a ala dura do Partido Popular desvencellouse do decreto que nun principio apoiou e opta por un modelo de escola segregacionista.
Dende o PP preténdese que quen queira que os seus fillos reciban clases en castelán, deberá ir a un centro destas características, mentres que quen desexe que as clases sexan en galego, que matricule os rapaces nunha escola galega. Non obstante, o Tribunal Constitucional indica que lle corresponde á Administración educativa decidir como se imparten as distintas materias do ensino e neste capítulo está incluída a lingua.
Neste contexto, as políticas de reequilibrio no que atinxe ao idioma que leva adiante o Goberno de coalición do PSOE e o BNG non fixeron máis que acentuar as divisións na dereita galega.
Dende que desbotaron o decreto, os populares ofreceron como alternativa un equilibrio absoluto nas materias que se ensinen en cada lingua. A proposta levaría a unha forte redución do galego nas zonas rurais.