Cando xa poucos se lembran de como impediron que Fenosa se regaleguizase, o Ministerio de Industria prepara un decreto que, na práctica, deixaría a Galiza sen competencias na enerxía eólica e as empresas poderían pedirlle a concesión do parque eólico a Madrid sen pasar pola Xunta. Esta medida para baleirar de competencias á Comunidade Autónoma, a sesta potencia mundial no sector eólico, tería un subterfuxio técnico. Primaría por igual aos parques de máis de 50 megavatios que aos máis pequenos.
Até de agora os parques eólicos de menos de 50 megavatios estaban englobados no Réxime especial de enerxías renovábeis, recibindo unha prima do 40% da enerxía que xeraban pola súa condición de recurso ecolóxico e un incentivo do 10% para acudir ao mercado diario.
Os grandes parques, pola contra, ao quedar adscritos ao réxime ordinario, só percibían unha subvención do 30%, sempre e cando o Ministerio e a Comunidade Autónoma lles outorgasen un ditame favorábel.
Na práctica, todas as empresas constituían parques pequenos, inferiores a 50 megavatios, para poder cobrar a prima do 50%. A maioría das veces, recorrían a denominar de distinto xeito ao mesmo parque, aínda que, na práctica, fose único, ao compartir subestacións transformadoras e liñas de alta tensión para o transporte da electricidade até a rede xeral.
A Xunta de Galiza é quen conta coas competencias exclusivas no réxime especial (parques de menos de 50 megavatios), o que fai que, na práctica Galiza, conte coas plenas competencias en enerxía eólica, pois todos os parques que se construían son inferior a eses 50 megavatios para poder recibir as axudas.
Agora o Goberno central pretende que todas as instalacións eólicas cobren a mesma prima, o 50%, sexan renovábeis (menores de 50 megavatios) ou ordinarios (maiores de 50 megavatios).
Ante esta nova situación, as empresas eólicas, sobre todo as grandes, poderán solicitar directamente no Ministerio de Industria a concesión de parques eólicos, sen ter que renunciar á prima.
Unha maneira tamén esta de que sexa o PSOE quen realice as concesións dos parques eólicos, agora en mans do BNG. Algo que incomodaba mesmo aos socialistas galegos que ollaban con preocupación o achegamento dos nacionalistas ao sector empresarial.
Endesa, a primeira que pasa da Xunta
A primeira empresa que recorreu directamente ao Ministerio de Industria para solicitar parques eólicos na Galiza, sen ter en conta á Xunta, foi Endesa. A empresa que o goberno de Rodríguez Zapatero fixo todo o que puido para que quedase en mans de Acciona, solicitou seis novos parques, cunha capacidade de 562 megavatios, o que dobra a capacidade eólica que actualmente ten instalada esta empresa na Galiza.
Non é a primeira vez que o Goberno de Rodríguez Zapatero pretende quedarse coas competencias en enerxía eólica. Un anterior decreto pretendía o mesmo. Trataba de por en marcha un rexistro de potencia eólica estatal á marxe das comunidades. Con este decreto, o Goberno central tería, na práctica, a competencia de repartir os parques eólicos.
Formalmente non se trataba dunha retirada de competencias, pois as Comunidades Autónomas seguían sendo responsábeis das enerxías renovábeis, pero, na práctica, só poderían concederlle a licenza a aqueles proxectos que fosen dados de alta previamente no rexistro estatal, logo de depositar o 2% do investimento por parte do promotor do parque eólico.
Ese decreto non nato tamén pretendía primar as instalacións de parques eólicos onde máis se consuma. Variarían, deste xeito, as primas por comunidades, procurando as empresas, polo tanto, instalacións naquela dobremente vantaxosas: menor custe de distribución nas máis consumidoras e máis axudas. Galiza quedaría dobremente prexudicada, pois é excedentaria en produción e está lonxe dos grandes centros de consumo. Este decreto, logo de ser recorrido pola Consellaría de Industria, foi rexeitado polo CNE e polo Consello do Estado.
"Téntano todo para sacarlle as competencias ao BNG, o que non poden é levarlle a Galiza o vento, senón tamén o farían", a firma un empresario galego do sector. E Galiza ten o vento que a fai atractiva para os investimentos eólicos
Paralelamente, o Ministerio de Industria anuncia a súa intención de debuxar un mapa eólico mariño para permitir a instalación ao longo da costa de parques que producirían 3.000 megavatios.
Estes parques tamén quedarían fora das competencias autonómicas. Semella que o que se trata é de desviar o tema principal, o Estado quere facerse co control total da enerxía eólica. Galiza lidera o sector desde as súas orixes e aínda ten que repartir 2.300 quilovatios até o ano 2010.
O Estado tenta recortar a expansión eólica galega impedindo que se instalen os 6.500 megavatios que demanda a Xunta. Prima a autonomías como Extremadura, dándose a circunstancia de que unha das empresas que pretende parques eólicos na comunidade presidida polo socialista Rodríguez Ibarra, ten relación co seu amigo, o ex alcalde coruñés, Francisco Vázquez.
O BNG opoñerase “por todos os medios” ás medidas do Goberno central as que cualifica como “unha agresión moi forte". O PP tamén as critica, mentres que o PSOE, socio do BNG na Galiza as apoian por estar xa esas competencias “en mans do Estado”.