A pasada semana, o presidente galego, Emilio Pérez Touriño visitou Barcelona. Entrevistouse co seu homólogo, José Montilla, e, ao rematar, Montilla dirixiuse aos presentes en catalán e Touriño en español. Cando algunha autoridade visita Galiza, ao rematar, Touriño diríxese aos presentes sempre en español.
Touriño e Montilla son socialistas. Touriño falou galego desde pequeno e Montilla español. Touriño pertence ao PSdG-PSOE, Montilla ao PSC. Non se necesitan máis explicacións. Son dúas culturas políticas distintas que teñen o seu reflexo en todos os ámbitos políticos do goberno. Os parlamentarios do PSOE na Galiza votaron a prol de que o estaleiro de Fene volvese a construír barcos civís, apoiando a proposta da Consellaría de Industria, en mans dos nacionalistas.
Cando desde o BNG reclamou este apoio do Congreso, o PSOE, incluído os parlamentarios galegos desta formación, opuxéronse. É máis, o parlamentario que lle contestou ao nacionalista Francisco Rodríguez foi un galego Xavier Carro, que ao rematar e querendo sacudirse responsabilidades persoais afirmou que a negativa a apoiar un plano que Touriño cualificara como de “interese nacional” fora consensuada co propio presidente da Xunta e secretario xeral do PSOE para Galiza. Cando Pérez Touriño foi preguntado por esta contradición no Parlamento polo voceiro do BNG, Carlos Aymerich, respondeu alporizado e, atacando aos nacionalistas. Argumentou que non por ter máis competencias Galiza se ía realizar mellor política.Como exemplo puxo os incendios que o verán pasado arrasaron parte de Galiza. O servizo anti-lumes depende da consellaría de Medio Rural, á fronte da cal está o nacionalista Suárez Canal.
Se a arremetida contra un seu conselleiro, branco dos ataques da oposición por estar mudando totalmente a política agraria, é grave, máis o é que desprece publicamente a necesidade de máis competencias unha hora antes de que o vicepresidente, Anxo Quintana, se reunise en Madrid co ministro de Administracións Territoriais, Jordi Sevilla, para reclamarlle, precisamente, 70 competencias ao Estado.
Un xeito moi peculiar de defender a autonomía. Tanto coma o de mandar mudar os letreiros de Vicepresidencia, para que fosen rotulados como “Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar”. Por que, Touriño o que está a defender é a súa persoa e ten ciumes non son do vicepresidente, senón tamén dos conselleiros do seu propio partido. Ciumes que non ten de que Madrid invada as competencias da Xunta: é un presidente moi ben mandado.