Máis de 4.000 persoas se manifestaron para reclamar o traslado da pranta regasificadora de Mugardos. As protestas de veciños e mariscadores volvéronse máis crúas durante as últimas semanas até culminar na detención de Bernardo Bastida, patrón maior da confraría de Ferrol, e nunha dura carga policial contra un grupo de traballadores que se concentraban fronte aos xulgados para reclamar a liberación do patrón.
O debate sobre a ubicación da pranta de Reganosa vén de lonxe, do momento no que o Goberno de Fraga decidiu instalala en Mugardos, malia que non se perfilaba como o lugar máis axeitado. Dende entón, son continuos os cortes da ría e as acusacións cruzadas.
Os manifestantes consideran que a pranta é ilegal e perigosa. Argumentan que a regasificadora non cumpre a legalidade ao estar anulada a súa declaración de impacto medioambiental polo Tribunal Superior de Xustiza nunha sentenza recorrida pola empresa e pola Xunta. No que atinxe á perigosidade, afirman que na pranta son inexistentes os plans de emerxencia exterior. En caso de accidente, as embarcacións metaneiras non poderían abandonar o interior da ría. Ademais, ao non estaren rematadas as obras, a instalación non podería ter iniciado a fase de probas.
Pola súa banda, científicos galegos negan que a actividade da pranta teña repercusións ambientais para a flora e a fauna da ría de Ferrol. Ademais, apúntase que é a única empresa da ría ferrolá que está a facer un amplo seguimento do seu impacto na ecoloxía. Dende Reganosa explican que a auga do mar trascorre por un circuito interno e que non está en contacto con ningunha substancia allea durante os minutos que se atopa dentro. Ambas as dúas versións son totalmente antagónicas. O que si é certo é que a pranta de gas supón un pulo importante para Galiza, á marxe de que non estea situada no mellor dos sitios posíbeis. Dende a Consellaría de Innovación e Industria, subliñase a importancia da regasificadora no desenvolmento do país malia posicionarse en desacordo coa súa ubicación, algo contra o que xa non se pode loitar.
As últimas protestas
A última das concentracións foi unha das máis numerosas. Baixo os lemas de “Pranta de gas fóra da ría”, “Bastida liberdade” e “A ría e nosa e non de Reganosa” os manifestantes reclamaban o traslado da pranta e a liberación de Bastida, que fora detido o día 29 de maio por mor dos altercados que se produciron durante o bloqueo do buque Mourad Didouche. Nos berros dos manifestantes podíanse oír alusións á represión policial que viviron a pasada semana, “A verdade non se cala nin con porras nin con balas. Ameijeiras dimisión” foi unha das consignas coas que os cidadáns pediron responsabilidades ao delegado do Goberno en Galiza.
Foron case dúas as horas nas que máis de catro mil persoas se mobilizaron nas rúas de Ferrol nunha marcha que transcorreu dende o peirao de Curuxeiras até a casa consistorial ferrolá. Entre os milleiros de participantes atopábanse numerosos representantes do eido político, cultural e ecolóxico de Galiza. Representantes do BNG como de Esquerda Unida quixeron apoiar os veciños. Ademais, asistiron membros das diferentes confrarías de mariscadores de Mugardos, Caión, Rianxo, Fene-Barallove e mesmo de Cangas e do Grove. Asociacións ecoloxistas como ADEGA e Verdegaia tamén quixeron expresar a súa oposición á ubicación da pranta regasificadora. Representantes sindicais da CIG, CC.OO. UGT e USTG sumáronse a unha protesta na que tampouco faltaron futbolistas.
Carga policial
O pasado mércores 30 de maio, os mariscadores tentaron bloquearlle a entrada á ría a un dos buques de Reganosa cunha resposta en forma de golpes. As porras convertéronse en testemuña dunha desproporcionada carga policial contra os traballadores do mar. Dende o BNG solicítase ao Goberno que se depuren responsabilidades políticas e que se avalíen os feitos para coñecer os nomes dos que deron a orde da ofensiva. Pola súa banda, a Unión Federal de Gardas civís reclamoulle á Delegación do Goberno que fagan uso racional da forza só nos casos nos que sexa estrictamente preciso. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, indicou, ao respecto, que os cidadáns deben respectar o marco de convivencia legal.
Bernardo Bastida, patrón maior da confraría de Ferrol, declarouse en folga de fame logo de que a xuíza lle denegase a súa salida do cárcere como medida cautelar. Bastida, que se considera preso político, foi levado á cadea por desobediencia á autoridade, coaccións, ameazas e desordes públicas durante as protestas para bloquear o acceso á pranta de Reganosa. Bastida tiña unha causa pendente coa xustiza dende febreiro de 2003, cando ocupou o edificio administrativo da Xunta. O patrón maior da confraría de Ferrol argumenta que non matou a ninguén e que non roubou cartos das arcas municipais. Somentes, cumpriu co cometido do seu cargo.