O sectores que se erixen contra o galego no ámbito escolar están cada vez máis organizados. Polo de agora, conseguiron impedir a completa aplicación do decreto que regula o uso da lingua no ensino para desenvolver a Lei de Normalización Lingüística, aprobada de forma unánime cando gobernaba o PP. O movemento en contra do uso do galego no ensino comezou por iniciativa dos sectores da dereita no momento no que o decreto contaba co consenso de todos os grupos políticos e asociacións vencelladas co eido escolar. Pouco a pouco, a campaña foi gañando distinto tipo de adeptos, dende ultradereitistas, persoas relacionadas co Opus Dei, socialistas de liña centralista até cidadáns a nivel particular. A campaña está dirixida por unha entidade da que se descoñecen os seus dirixentes.
A organización actúa ao redor da páxina web www.tangallegocomoelgallego.es. Malia que a asociación carece de transparencia, varias persoas presentáronse como os seus voceiros. A páxina electrónica alberga unhas vinte mil sinaturas, que foron presentadas perante o Parlamento, contra o decreto do galego no ensino. A maioría das sinaturas foron recollidas a través da Internet, polo que resulta difícil comprobar a veracidade da identidade dos asinantes. Algún dos redactores do manifesto que publica a web reuníronse con dirixentes do Partido Popular como Alberto Núñez Feixoo ou Manuela López Besteiro.
Os promotores de Tan gallego como el gallego actúan maioritariamente nos centros privados e concertados de Vigo, principal foco da asociación, e de Pontevedra, Ourense e Santiago, repartindo panfletos e recollendo sinaturas. Entre as súas actuacións, cabe subliñar a publicación dun cómic contra o galego que mesmo chega a menosprezar o portugués. Entre os membros da organización en contra do galego atópanse profesores de química ou de inglés de distintos institutos. Aínda que ao redor da entidade móvense persoas coñecidas pola súa militancia en contra do galego, en cidades como A Coruña ou Lugo non conseguiron excesivo eco.
Cambio de actitude do PP
A relativa consolidación de Tan Galego como el gallego fixo que o Partido Popular cambiase de postura e se decidise a favorecer a organización. O resultado é a rotura do consenso dos populares, que deixaron de apoiar un decreto que vén aplicar a lexislación que eles mesmos aprobaran cando gobernaba Fraga. Agora O PP acentúa a súa oposición ao decreto. Núñez Feixoo apuntou que Galiza camiña cara ao monolingüismo do galego. Os populares mesmo rexeitan aquel bilingüismo harmónico que abandeiraron durante dezaseis anos. O cambio de postura do PP pode responder ao temor de que Tan gallegos como el gallego acabe por se converter nun partido político ao estilo de Ciudadans de Catalunya. A situación catalá está moi presente na organización, que compara a lei de normalización lingüística galega coa catalá, malia que esta última sempre foi máis avanzada ca de Galiza.
Demora do Consello Consultivo
O atraso do informe do Consello Consultivo esperta todo tipo de dúbidas entre socialistas e nacionalistas. Cando a Xunta lle entregou a copia do decreto ao Consello Consultivo pediulle que aprobase o informe en quince días para iniciar a preparación do material didáctico e a formación do profesorado. O consello esgotou o prazo dun mes e pediu unha prórroga de quince días, polo que non se puido aprobar o decreto a tempo. O relator do ditame do Consello Consultivo foi Antonio Carro, socialista que actuou de tenente de alcalde durante o mandato de Paco Vázquez na Coruña e que non se caracteriza pola querenza do idioma. No texto, redactado en castelán, Carro introduciu matices para poñer en dúbida o decreto por razóns menores. Ademais, erixiuse como defensor da organización Tan gallego como el gallego.