Malia que o ditame que pactaron socialistas e nacionalista, e que rexeitaron os populares, se limita a recoller "feitos probados" e non esixe responsabilidades, o BNG amosou o seu convencemento de que o Goberno Galego "estará á altura das circunstancias".
Ao termo da reunión do relatorio da comisión de investigación aberta no Parlamento polo caso da suposta axente electoral, na que se aprobou o ditame co voto en contra do PPdeG, o voceiro do BNG, Carlos Aymerich, confiou en que o Goberno tomará as "decisións que considere oportunas". O nacionalista aludiu ao caso de Pilar Pin, que foi forzada a dimitir como directora xerente da Fundación Galicia Emigración por entregar axudas asistenciais a emigrantes en pleno período electoral, para argumentar que nese caso a Xunta estivo "á altura das circunstancias" e que espera "que agora tamén o estea". "O meu fundamento racional é a experiencia, espero que sexa unha esperanza fundada e non unha mera inxenuidade", afirmou e, aínda que apelou á división de poderes e subliñou que non se fixo "causa de pedir cabezas" no ditame, subliñou que ao Goberno "lle corresponde actuar".
Pola contra, o socialista Xaquín Fernández Leiceaga considerou que o texto indica que "houbo deficiencias que deben ser corrixidas" pero non acredita que houbese ningún "comportamento de carácter doloso". O deputado do PSdeG entende que o Goberno non ten que decidir cesamento de ningún tipo. Malia que mostrou o seu "respecto" polas declaracións de Aymerich, dixo que "non se corresponden" nin co ditame aprobado hoxe nin co "visto" ao longo dos traballos da comisión parlamentaria.
Nesta liña, rexeitou que existan responsables políticos que deban culminar en cesamentos ou dimisións. O deputado socialista insistiu en que o caso da suposta axente electoral "é unha montaxe". "Sígoo sostendo", sentenciou, e apuntou como "axentes" desta manobra o PP e a propia María Isabel Blanco. Pola contra, o voceiro nacionalista mantivo que "os feitos están aí e había quen sostiña que isto era só unha montaxe até agora".
Malia que o ditame aprobado por socialistas e nacionalistas non dá por probado que Blanco actuase como axente electoral, Aymerich mostrou a súa "convicción persoal" de que "o foi e de que non foi ela soa".
Pola súa banda, o voceiro do PPdeG na comisión de investigación, Antonio Rodríguez Miranda, afirmou que non descartan acudir aos tribunais "se non queda outro remedio". Aínda que, de momento, os populares esgotarán "as vías políticas", estudarán a vía xudicial se non teñen "garantías" de "poder demostrar o denunciado". Tras coñecer o ditame, o deputado mostrou a súa "sorpresa rodeada de decepción" polo pacto dos socios da Xunta. Ademais, apuntou que existe un partido que ten "total impunidade" para cometer "actos ilícitos e mesmo supostas irregularidades", en referencia ao PSOE, e outro, en alusión ao BNG, que lle "dá garantías" para iso.
Conclusións do ditame
O ditame pactado por BNG e PSdeG establece como "feitos" que María Isabel Blanco, viaxou a Arxentina cun billete a cargo da Secretaría Xeneral de Emigración, en virtude dun convenio con Iberia, para visitar supostamente unha irmá que, non obstante, se atopaba en Vimianzo (A Coruña), así como que foi contratada, grazas a unha subvención da Consellería de Traballo, por unha asociación ourensá pero que, non obstante, traballou para o sindicato Unións Agrarias na provincia da Coruña. Ademais, o relato dos feitos indica que María Isabel Blanco pasou 53 días en Arxentina e alude á coincidencia dese período temporal cos de precampaña e campaña electoral das eleccións municipais de 2007. Tamén dá por probado que coincidiu e participou en actos electorais co seu "xefe directo", o representante de Unións Agrarias e candidato á Alcaldía de Muxía naquel momento, Félix Porto.
Reformas da lexislación electoral
Posto que consideran a lexislación electoral vixente o "pano de fondo" de casos como este, PSdeG e BNG avogan por modificar a actual normativa. Así, propoñen que a Xunta modifique a lexislación electoral autonómica para que os votos do exterior se contabilicen tres días despois das votacións, en lugar de oito. Así mesmo, esixen que as Cortes modifiquen a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral antes das próximas eleccións autonómicas para que os emigrantes voten nas mesmas condicións que as persoas residentes en Galicia.
Socialistas e nacionalistas propoñen no ditame, que deberá ser ratificado na comisión de investigación e aprobado no Pleno do Parlamento, que a Xunta "limite" as viaxes ao exterior a partir da convocatoria de eleccións autonómicas a aqueles casos de "obrigado cumprimento ou extrema urxencia".