Indica publicitat
Divendres, 10 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Dijous, 3 de d'abril del 2008 | 17:59
Crònica · Galiza

Cando se tenta erradicar o chabolismo


Viven entre a sucidade, a chatarra, as ratas e a droga, no interior de vivendas inmundas sen instalación eléctrica, sen auga, sen teléfono e sen sumidoiros e a escasos metros das cidades de Pontevedra e da Coruña. O lixo esténdese aos pés dos coches de luxo e as parabólicas, entre as chabolas que aínda permanecen en pé no poboado do Vao, no Concello de Poio, e en Penamoa, na Coruña. Nos últimos meses, coas ordes de derrubamento das chabolas ilegais sucedéronse as mobilizacións de veciños que protestan en contra do realoxamento das familias xitanas. Os veciños paios, que rexeitan acusacións de xenofobia, vinculan os xitanos realoxados con actividades delitivas e coa venda de drogas.
A Vicepresidencia da Xunta vén de propoñerlles aos concellos afectados a construción de poboados de transición con vixilancia policial permanente para protexer os xitanos que queren integrarse. A medida tamén contempla a creación dunha comisión permanente de integración nos municipios afectados que estará formada por entidades representativas do pobo xitano, agrupacións sociais e polo Goberno central e o galego.

Os alicerces do poboado de Penamoa remóntanse ao 1984, cando o Concello da Coruña expulsou as familias xitanas da Gaiteira para construír o primeiro gran centro comercial da cidade. O que ía ser unha solución temporal deu paso ao maior poboado chabolista de Galiza e ao maior punto de venda e consumo de drogas da cornixa cantábrica, segundo Médicos del Mundo, asociación que cada luns atende decenas de toxicómanos á entrada do poboado. Esta semana volverase decidir o traslado dos xitanos co inicio das obras de construción da circunvalación que atravesa o arrabalde. O "Plan Especial para Penamoa" do concello herculino tenta poñer fin ao asentamento chabolista. Adherirse ao programa, que leva consigo o realoxamento sempre e cando os afectados non participen en actividades ilícitas, trasladarse aos seus lugares de orixe cunha compensación económica ou recibir axudas para a auto-construción fóra do concello son as tres alternativas ás que poden acollerse os afectados. Malia que o goberno municipal rexeita desvelar o nome do lugar no que asentará os xitanos, veciños de barrios herculinos xa se mobilizaron contra o hipotético realoxamento das familias afectadas nas vivendas de protección oficial veciñas.

As mobilizacións derivadas polos realoxamentos dos xitanos do poboado de infravivendas situado na periferia da cidade de Pontevedra viviu o punto álxido a pasada semana cun intento de agresión ao alcalde de Poio, Luciano Sobral. O malestar entre a veciñanza de Monte Porreiro, en Pontevedra, Caritel, en Pontecaldelas, e Boa Vista, en Poio, xurdiu cando o Concello de Poio decidiu realoxar os xitanos afectados en diferentes pisos repartidos entre os tres municipios coa axuda da Consellaría de Vivenda. Monte Porreiro fora até o de agora exemplo de boa convivencia entre paios e xitanos, pero as mobilizacións dos veciños e as actuacións do Concello de Pontevedra favoreceron que as familias realoxadas abandonasen o barrio.

Segundo a Federación Secretariado Xitano de Galicia, oito do total de poboados xitanos presentan algún grao de conflitividade. A organización salienta que os de maior dimensión son o do Vao, o de Penamoa e o Freixeiro, en Narón. Malia a percepción social, o 90 por cento dos xitanos que viven en Galiza están integrados na sociedade. É o 10 por cento restante o que habitualmente cobra protagonismo en situacións de conflito.

Maceda, un caso de integración

Segundo Xabier Oviedo, alcalde do concello ourensán, a comunidade xitana que vive en Maceda "é pacífica e está integrada co resto da poboación". Oviedo explica que non existen conflitos nin problemas cos veciños, "non temos problemas de delincuencia nin de drogas". A erradicación do chabolismo xa é un feito no concello ourensán. As choupanas foron derribadas e os afectados están á espera de que lles entreguen as vivendas de protección oficial. Namentres, os xitanos habitan nunhas instalacións que o concello lles habilitou na zona do Toural. Segundo Oviedo, os conflitos do Vao e de Penamoa non afectaron nin se deixaron sentir no municipio.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat