Desde a chegada os nacionalistas ao Goberno matinaron en conseguir novas competencias do Estado para Galiza. Pero en ano e medio non deron avanzado, pois, desde o Estado poñían como desculpa que xa se abordarían os traspasos cando aprobasen o Estatuto.
Naufraga o novo Estatuto, os nacionalistas non tardaron nin un día en anunciar que agora, a súa meta era conseguir o traspaso de 70 competencias aínda pendentes, coa súa correspondente dotación económica. Entre elas a de Tráfico, logo que se aprobe a Lei de Policía Autónoma que se está a tramitar no Parlamento.
O 28 de Febreiro, logo de reunións técnicas, reuníronse en Madrid o Vicepresidente Anxo Quintana e o ministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla,acordando o comezo do proceso para que lle sexan transferidas sete novas competencias a Galiza antes de rematar o ano.
Concretamente a de salvamento marítimo, a inspección de traballo, os centros de investigación do Estado con sede na Galiza, os arquivos históricos e museos, os bens reservados á Tesouraría da Seguridade Social e adscritos a servizos e competencias xa transferidos, a expedición do título de xestor administrativo e cuantificar e saldar a débeda da superficie da Administración do Estado nas catro provinciais. Ao mesmo tempo, ambos políticos pecharon un pacto de relación bilateral entre o Goberno central e a Xunta., que substituirá á Comisión bilateral de Cooperación. Dáse así un paso irreversíbel cara a relación bilateral entre as dúas administracións. O vicepresidente Quintana afirmou que comeza así a andar “un modelo de relación Galiza Estado que é diferente a todos os demais, incluído o catalán”. Os nacionalistas consideran que, deste xeito se evita a perda de status e oportunidades que levarían consigo a non aprobación do novo Estatuto.
Nun prazo de dous ou tres meses a Comisión Bilateral Xunta –goberno central terá listo o seu novo regulamento e, nese prazo de tempo tamén terá lugar a primeira súa reunión. Para institucionalizar a reunión, establecese unha presidencia rotatoria por períodos anuais, celebrándose tamén reunións alternativas en Madrid e Compostela. Esta comisión terá maiores competencias e máis manobrabilidade que a Antiga Comisión Bilateral de Cooperación. Dentro dela, crearanse subgrupos para falar dos diferentes temas de interese, como a débeda histórica, o desenvolvemento competencial e tamén de asuntos tan candentes como o do sector naval.
Tratase que este organismo, na vez de ser os escenario onde se dirimían os conflitos Galiza-Estado, pase a ser o marco para negociar as políticas en base a unha “cooperación intelixente”, en palabras do Vicepresidente Quintana. Un Quintana que tamén demandou do Ministro a participación de Galiza nos organismos do Estado.